Noticias

O Foro Económico prevé que o PIB galego medre entre un 4,8% e un 8,8% en 2021

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), prevé que a economía galega medre entre un 4,8% e un 8,8% no 2021. Os escenarios prospectivos da entidade para este ano contemplan para Galicia dúas posibles evolucións dependendo fundamentalmente da evolución sanitaria da pandemia, da velocidade e eficacia do proceso de vacinación e, a partir de aí, da normalización da vida económica. “A evolución máis optimista suporía un crecemento do +8,8% do PIB e a pesimista un aumento do PIB ao redor do +4,8%.

Pola contra, no caso de que fora preciso realizar un novo confinamento semellante ao dos meses de marzo e abril de 2020, sufriría unha caída do -1,5% do conxunto do ano”, indican desde o foro.

Esta análise está recollida no documento Previsións de crecemento para a economía galega. PIB de Galicia ano 2021, lanzado este venres pola entidade e asinado polos economistas Santiago Lago, José́ Francisco Armesto, José́ María da Rocha, Fernando González Laxe e Patricio Sánchez. Sobre as previsións apuntadas anteriormente, os seus responsables salientan que non recollen o impacto positivo dos Fondos Next Generation EU “polas incertezas que existen aínda sobre os proxectos tractores que serán apoiados e a súa ubicación xeográfica e tamén pola celeridade na execución”. Deste xeito, indican en nota de prensa desde a entidade, “supoñendo que o impacto en Galicia sexa homoxéneo respecto ao que o Banco de España ten cuantificado para a economía española, as cifras anteriores elevaríanse, respectivamente, ata un +10,1% e un +5,4%”.

Diversos escenarios

O informe divídese en dúas partes diferenciadas: a primeira, centrada nos resultados do acontecido en 2020, e a segunda, na que os economistas presentan as diversas previsións -das dispoñibles para 2021- e realizan a súa propia análise de prospectiva de posibles escenarios. O escenario máis optimista (nomeado Covid A +8,8%) está baseado no cumprimento das seguintes condicións: restricións leves ou moderadas durante o primeiro e segundo trimestres de 2021 e pouco relevantes durante o resto dos trimestres do ano. “Neste escenario suponse que a campaña de vacinación remataría durante o verán e, polo tanto, a produtividade da economía recuperaríase plenamente a partir do terceiro trimestre do 2021”, sinalan desde o Foro Económico de Galicia. O escenario Covid-B (+4,8%), engaden, daríase no caso de que o impacto das restricións fose medio-alto nos dous primeiros trimestres e que se mantivese parcialmente durante o verán.

Finalmente, explican desde o Foro Económico de Galicia, os escenarios debullados non contemplan o efecto positivo xerado polos Fondos Next Generation EU, por dous motivos. Primeiro, detallan, “pola incerteza sobre a parte dos mesmos que se vaia executar finalmente en 2021”, e segundo, “pola incerteza no que atinxe á parte dos mesmos que terá impacto territorial directo en Galicia”. Sen coñecer que proxectos tractores e cando serán apoiados, afirman os economistas no documento, “é difícil cuantificar o seu efecto”. En todo caso, tomando como referencia os cálculos do Banco de España para o conxunto da economía española e supoñendo que o impacto na taxa de variación do PIB de Galicia estea na media para o conxunto de España, “as taxas sinaladas nos dous escenarios poderían aumentar entre 0.6 e 1.3 puntos porcentuais dependendo de que a execución dos fondos acumule retrasos ou sexa rápida”, indican os autores do traballo.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresariado e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, reunindo a "un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega”, tal e como indican desde a entidade.

R., 2021-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES