Noticias

Galicia pecha 2020 exportando por cuarto ano consecutivo máis de 20.000 M€ e situándose como a quinta comunidade que máis vende ao exterior

As vendas ao exterior galegas sumaron o ano pasado un total de 20.871,7 millóns de euros, o que supón quedar por cuarto ano consecutivo por enriba dos 20.000M€. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a boa evolución de sectores estratéxicos para Galicia como a automoción ou o conserveiro ten permitido a Galicia pechar o 2020 cun mellor comportamento das exportacións que o do conxunto do Estado. Así, na Comunidade as exportacións baixaron o ano pasado un -6% con respecto a 2019, mentres que a media de España é do -10%, catro puntos máis.

Despois da caída rexistrada no comercio internacional nos primeiros meses da pandemia, as exportacións galegas foron remontando coa paulatina reactivación da economía, e así, Galicia rexistrou en 2020 o mellor segundo semestre da historia, cun incremento dun +4,5% con respecto ao período de xullo a decembro de 2019.

Isto é posible grazas a industrias como a da automoción, que incrementou a venda ao exterior de vehículos no conxunto de 2020 nun +33,3% con respecto a 2019; a conserveira, que medra un +20,5%; ou o naval, cunha suba do +34,6% nas exportacións de barcos e embarcacións. Por países, destaca o aumento das vendas a países como Francia (+20,3%); Dinamarca (+20%); Polonia (+15,7%); ou Turquía (+42,3%).

A balanza comercial galega é a segunda mellor en termos absolutos, cun saldo positivo de 4.274,3M€ (case o dobre que en 2019), mentres que o saldo comercial estatal é negativo en -13.422,1M€.

As vendas ao exterior galegas gañan peso a nivel estatal, supoñendo o 8% do total, tres décimas máis que en 2019, ano no que Galicia exportou o 7,7% das vendas ao exterior españolas. O volume total das exportacións galegas só é superado por outras catro comunidades: Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía, quedando Galicia por encima do País Vasco, e gañando un posto con respecto ao ano anterior, o que lle permite situarse como líder na cornixa cantábrica.

No mes de decembro de 2020 Galicia continúa recuperando o seu ritmo exportador, cun incremento do +6,8% en comparación co mesmo mes do ano pasado, mentres que a nivel estatal o crecemento é do +0,9%, case seis puntos menos. Os 1.952.585 millóns de euros exportados pola Comunidade no último mes do ano pasado supoñen o segundo mellor decembro da historia, só superado por decembro de 2013.

A aposta da Xunta pola internacionalización das pemes

Para acompañar o traballo das empresas galegas, especialmente das pemes, no fortalecemento da súa presenza no exterior neste contexto e contribuír a súa recuperación económica, a Xunta destina este ano preto de 23 millóns de euros aos programas de axudas á internacionalización, reforzando as liñas xa en funcionamento e activando outras novas que facilitarán que arredor de 1500 compañías melloren a súa presenza nos mercados exteriores.

As medidas incidirán na internacionalización a través da dixitalización e o desenvolvemento de proxectos individuais e colectivos; o apoio ás empresas que manteñen ou van manter relacións comerciais co Reino Unido; o fomento da contratación de expertos en comercio exterior e a formación de persoal especializado; a realización de accións conxuntas de promoción exterior mediante a colaboración con diferentes entidades; e os servizos de soporte ás empresas a través das antenas situadas en diferentes destinos mundiais.

Nestes momentos está aberta a nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras. Os interesados poden solicitar os apoios ata o 30 de xuño. Tamén se veñen de activar as axudas para a contratación de expertos en comercio exterior que poderán solicitar pequenas e medianas empresas e organismos empresariais e que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego.

R., 2021-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES