
Para acadar estes obxectivos, o novo PFG establece seis eixos estratéxicos de intervención, fundamentados nas directrices do grupo de traballo creado ao efecto no Consello Forestal de Galicia -o documento incorpora máis dun cento delas-, así como nas recomendacións da Comisión de Estudo do propio Parlamento -asume 92-.
Así, os eixos do Plan céntranse nos servizos ecosistémicos, baixo o principio de conservar xestionando activamente; o cambio climático (resiliencia e vitalidade dos ecosistemas forestais); a loita contra o abandono, mediante a potenciación de figuras de xestión conxunta e xestión forestal activa; a xestión sustentable, coa mobilización de recursos madeireiros e non madeireiros; a divulgación, a formación e a aposta pola I+D+i e, finalmente, o modelo de gobernanza, na procura dun sistema territorial de planificación e dun marco normativo áxil, seguro e estable.
Deste xeito, procúrase dar resposta a obxectivos como a fixación da poboación no rural, a mellora do medio ambiente e da calidade de vida, así como o fomento da multifuncionalidade e a diversificación de usos, bens e servizos dos bosques galegos. Todo isto, baixo a premisa de conservar e aumentar, ao tempo, a biodiversidade dos ecosistemas forestais, incrementar a protección e seguridade das persoas, os bens e servizos e avanzar na bioeconomía, a descarbonización e a economía circular, entre outras finalidades. Polo tanto, segundo trasladou o director xeral, o PFG establece unha proxección do monte galego do futuro para o período 2021-2040, cunha serie de grandes indicadores. Entre eles, salienta o investimento previsto no conxunto do devandito período, que acadará os 4.900 millóns de euros, incluíndo tanto fondos públicos (arredor de 4.000 millóns) como financiamento privado dos titulares ou xestores dos terreos forestais.
Máis en detalle, outras magnitudes do Plan pasan por acadar as 425.000 hectáreas de frondosas e, no caso do castiñeiro, actuarase en 8.000 hectáreas para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán outras 16.000 ha tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira. Sobre o eucalipto, planifícase unha redución do 5% da superficie con presenza desta especie chegados ao ano 2040, traballando para que un total de 20.000 hectáreas se convertan en masas doutras árbores. Ao tempo, mellorarase a xestión e a produtividade dos eucaliptais xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións, potenciarase a silvicultura e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa. En relación coas coníferas, especialmente o piñeiro, fomentaranse as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando a superficie que ocupan estas árbores en 20.000 ha.
José Luis Chan indicou tamén que o novo PFG continuará tendo como prioridade a loita contra os lumes forestais. Neste sentido, prevese ter lista na primeira metade desta lexislatura a nova Lei de prevención e defensa contra os incendios, un proceso participativo que virá tamén da man da reorganización dos distritos e da especialización de axentes facultativos medioambientais na investigación de incendios.
Decreto estatal sobre xurros
Por outra parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, trasladou que a Xunta remitirá novas alegacións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) para mellorar e adaptar á realidade galega o borrador de real decreto estatal sobre nutrición sostible dos solos agrarios (coñecido como o dos xurros).
En reposta a unha pregunta sobre este tema, Balseiros indicou que a proposta da Consellería vén de ser remitida esta mesma semana ás organizacións profesionais agrarias e a outras entidades do sector, co fin de consensuar con elas un segundo documento de alegacións, do mesmo xeito que se fixo xa coas primeiras achegas da Xunta, remitidas ao Mapa durante o período de participación pública desta norma. O director xeral explicou que Galicia comparte a preocupación polo medio ambiente que subxace no proxecto de real decreto, pero considera que o texto legal non ten en conta as peculiaridades da nosa comunidade, tales como o seu clima, a súa orografía ou a súa estrutura territorial e produtiva.
Noutra orde de cousas, José Balseiros respondeu tamén unha pregunta sobre as condicións laborais dos veterinarios que realizan as campañas de saneamento gandeiro. En relación con este tema, o director xeral sinalou que a súa actividade desenvólvese sempre consonte á lei, no que atinxe tanto á normativa laboral como sanitaria, respectando os protocolos de seguridade e hixiene no traballo.
Porén, incidiu en que cómpre seguir mellorando as instalacións de manexo do gando, para optimizar esas condicións e lembrou que a lexislación non esixe en ningún momento que teñan que ser dous os veterinarios que realicen estes labores. Iso, engadiu, é algo que depende das circunstancias das explotacións e que polo tanto debe adecuarse ás características das diferentes zonas de traballo. Nalgúns casos, mesmo convén que acudan ás granxas de grandes dimensións varios equipos de profesionais, remarcou.
Prevención de incendios
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, explicou que a Xunta invitou ás catro deputacións galegas a sumarse ao plan para dotar aos concellos con tractores para a xestión da biomasa e a prevención de incendios, pero que o único organismo provincial que se adheriu a esta proposta foi o de Ourense.
En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, Santé sinalou que os nove concellos ourensáns que se beneficiaron desta iniciativa en 2020 -cunha achega conxunta de 900.000 euros, aportados a partes iguais por Xunta e Deputación- cumprían todos os requisitos establecidos e foron previamente preseleccionados polo organismo provincial. Engadiu que nos últimos anos, dende 2017, a Consellería do Medio Rural mercou tractores e os cedeu, ou ben subvencionou a súa compra, a municipios de toda Galicia, de diferente cor política.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.