Noticias

Galicia contará co primeiro hospital público de España que ofrecerá un tratamento pioneiro contra o párkinson e o tremor esencial

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que Galicia contará co primeiro hospital público de España que ofrecerá un tratamento pioneiro contra o párkinson e o tremor esencial, e dos primeiros en Europa. Será posible, dixo, grazas á adquisición dun equipo de ultrasóns de frecuencia focalizado (HIFU) para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), cun investimento de 2,4 M€, que permitirá avanzar no tratamento e na mellora das condicións de vida destes pacientes.

A este respecto, o presidente da Xunta lembrou que en Galicia padecen Párkinson 4.000 persoas e 35.000 tremor esencial. Neste senso explicou que deste novidoso tratamento, que terá unha eficacia clínica de polo menos cinco anos, poderán beneficiarse a metade dos pacientes de ambas doenzas para os que os tratamentos actuais non eran tan eficaces.

En definitiva, salientou, un salto adiante para paliar esta enfermidade e confirmar o CHUS como centro de referencia nacional para o tratamento dos trastornos de movemento.

, 2021-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (sancaetano-bandeiras.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que as novas medidas para paliar os efectos da guerra de Irán aprobadas polo Goberno central terán 'un impacto directo nas arcas autonómicas' xa que Galicia 'deixará de ingresar máis de 120 millóns de euros' nos tres meses que estas medidas estarán inicialmente en vigor. As medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central enfócanse na redución do IVE e dos impostos especiais para os carburantes, electricidade e gas. Ao estar estes tributos cedidos ás Comunidades Autónomas, o impacto derivado da menor recadación repártese entre o Estado e as autonomías, en función da porcentaxe de cesión(no IVE é do 50%, nos impostos especiais do 58%).
Foto de la tercera plana (emigracion-maletas.jpg) O número de emigrantes galegos —persoas que naceron en Galicia e residen no exterior— volve baixar un ano máis en 2.006 persoas, continuando a tendencia dos últimos exercicios. En paralelo, a poboación galega total que reside no exterior increméntase debido ás novas inscricións de persoas descendentes de galegas e galegos nacidas no estranxeiro, ata acadar os 563.303 (incremento de 15.051 persoas, un 2,75%) a 1 de xaneiro de 2026, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Notas

Do 23 de abril ao 8 de maio celebrarase a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Co lema O espazo que ti habitas, traerá a diferentes espazos escénicos da cidade unha vintena de espectáculos nos que as aulas de teatro e danza dos diferentes campus da Universidade de Vigo terán un papel destacado. A cita foi presentada este martes no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que financian ou apoian a actividade.
Unha vez finalizado o prazo para a imposición de recursos contra a proclamación provisional da reitora electa, a USC publicou este luns 23, de acordo cos prazos establecidos no calendario electoral, a proclamación definitiva da profesora Rosa Crujeiras Casais. O acto de toma de posesión terá lugar o 10 de abril, ás 11.30 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES