Noticias

A Xunta reclámalle ao Goberno carga de traballo a curto prazo para Navantia e executar os investimentos do Estaleiro 4.0

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reclamoulle ao Goberno central máis carga de traballo a curto prazo para Navantia ata o inicio da construción das fragatas e executar os investimentos do Estaleiro 4.0 para facer máis competitivas as instalacións. 'A principal prioridade que ten Ferrol nestes momentos é carga de traballo para Navantia, non só pola implicación directa no estaleiro, senón pola implicación na industria auxiliar', subliñou o vicepresidente económico, quen incidiu en que os Ministerios de Facenda e Defensa deben achegar a solución de forma inmediata porque 'ata a chegada das fragatas as gradas están baleiras e a industria auxiliar está perdendo carga de traballo'.

Conde, que mantivo unha reunión coa xunta directiva da Confederación de Empresarios de Ferrol (Cofer), destacou a coordinación entre a Administración autonómica e Cofer, e ofreceu tamén toda a colaboración da Xunta ao Executivo estatal, ao que reclamou máis diálogo e iniciativa tanto no que respecta ao sector naval como en Endesa e Siemens xa que, tal e como apuntou, está en xogo o futuro industrial da comarca e de toda Galicia. “Pedímoslle ás empresas compromiso co territorio, levan moitos anos vinculadas a Ferrolterra e parécenos que nun contexto no que hai oportunidades de cara a futuro vinculados a fondos europeos ten que haber un compromiso a curto prazo” para que se poida traballar no medio e no longo prazo, no marco da transición enerxética.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación trasladou aos responsables de Cofer, con quen se trazou unha axenda de traballo conxunto, que o Goberno galego traballa acompañando ao tecido produtivo para mitigar o impacto desta crise na economía, facendo especial fincapé nas pemes, os autónomos, e nos sectores máis afectados pola pandemia como o comercio, a hostalería, o turismo ou a industria. A principios deste ano Galicia levaba programadas axudas por un importe de 370 millóns de euros, consensuadas cos sectores máis afectados e nas que se primou a axilidade na tramitación.

O vicepresidente económico remarcou que os fondos europeos de reconstrución Next Generation van ser a gran oportunidade que hai que saber aproveitar en beneficio, entre outras cousas, da industria, xa que son a chave para a recuperación e a reactivación da economía. Galicia, a través da colaboración público-privada, aposta por proxectos que teñan un efecto tractor e impacto directo na produtividade, o emprego e sobre todo, que beneficien ás pemes, contando xa cunha selección de 108 proxectos que suman unha mobilización de 9.400 millóns de investimento público-privado.

De xeito paralelo, estase a tramitar a Lei de reactivación, coa que a Xunta busca xerar estabilidade e confianza no tecido empresarial, cun cambio na cultura administrativa que permita reducir os prazos de tramitación achegando a mesma seguridade xurídica aos proxectos. A futura lei actúa sobre dúas frontes: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento. Neste eido, e co obxectivo de atraer novas iniciativas, o vicepresidente económico lembrou que a Xunta bonificará na zona a compra de solo industrial de titularidade económica: 84 parcelas nos concellos de Pontedeume, Cedeira, Ortigueira e As Somozas, cunha superficie de 160.000 metros cadrados. Tamén se permitirá o acceso a parcelas a través do alugueiro. En paralelo, están abertas as convocatorias de axudas para a mellora de parques empresariais e a creación de novos viveiros industriais.

No ámbito industrial, apuntou Conde que Siemens debería retirar o ERE, paralizar o período de consultas e sentarse a negociar nunha mesa de traballo coa Xunta, o Goberno e o comité de empresa. Apuntou que é incoherente que en pleno boom das enerxías renovables, a compañía adopte esta decisión, e máis cando aínda están pendentes de asignar os fondos europeos de recuperación Next Generation, cos que Galicia confía en impulsar a súa potencia renovable.

Tamén no eido enerxético, o vicepresidente económico sinalou que para que Endesa enderece o seu camiño é preciso da implicación sen rodeos do Goberno, apuntando que non se pode cometer os erros de Meirama, autorizando o peche da actual central sen contar antes cunha solución industrial a través dos biocombustibles. Conde fixo fincapé en que a planta é viable, e polo tanto, é necesario traballar en solucións industriais que dean un futuro inmediato aos traballadores da central, á industria auxiliar e aos transportistas que dependen da planta.

R., 2021-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES