Noticias

O Comité Educativo afirma que o sistema está preparado para o ensino virtual, con horarios-espello, aulas virtuais operativas e docentes formados

O Comité Educativo vén de certificar que a práctica totalidade dos centros educativos están preparados para o ensino virtual cos seus horarios-espello deseñados, aulas virtuais operativas, e case todo o profesorado formado. Así se desprende dos datos de seguimento da implantación do Plan de Ensino Virtual elaborado co obxectivo de estar preparados de xeito preventivo en caso de que a situación epidemiolóxica requirira pasar á atención telemática, unha posibilidade que a día de hoxe está descartada logo de que o Comité Clínico avalara a seguridade dos centros escolares.

Logo dun chequeo dos centros escolares a cargo dos servizos de inspección, nestes momentos a meirande parte deles xa teñen elaborados e incorporados aos plans de continxencia os seus respectivos horarios-espello para garantir a continuidade da docencia en caso de corentenas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou esta mañá ante o Comité Educativo que “dos 1.226 centros públicos, só 26 teñen aínda pendente a adaptación de algunha materia, área ou módulo á docencia virtual”. Por iso, desde o departamento educativo xa se está traballando con todos eles para solucionar as posibles eivas detectadas e acadar canto antes que o cen por cen dos centros estean totalmente preparados.

O titular de Educación subliñou que durante este curso producíronse máis de 7,5 millóns de conexións a aulas virtuais, o que dá conta da dinámica de funcionamento destes sistema co que os centros xa están plenamente familiarizados.

Equipamento tecnolóxico

Así mesmo, cóntase cos equipamentos e materiais tecnolóxicos necesarios para, chegado o caso, optar polo ensino non presencial. A día de hoxe, segundo explicou o conselleiro, a Xunta dispón dun banco de 4.000 equipos informáticos en stock á disposición do alumnado que o precise, ao que hai que engadir outros 14.500 equipos que están pendentes de subministro por parte do Goberno do Estado a través de Red.es, e que se espera a súa chegada nas próximas semanas. No que vai de curso só foi preciso prestar 241 dispositivos.

No que atinxe á formación necesaria do profesorado para que o proceso de ensino-aprendizaxe en modo virtual se leve a cabo con todas as garantías, nestes momentos 30.231 docentes (22.175 deles xa acreditados) participaron nalgunha das case 1.700 accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Consellería.

Segundo Román Rodríguez, a preparación do sistema educativo galego é froito “dun importantísimo traballo de adaptación, cun sobreesforzo por parte do profesorado”, e asegurou que desde a Xunta se vai seguir dando o máximo apoio nesta tarefa.

Mellora do Plan de Atención a alumnado vulnerable

O conselleiro tamén someteu a debate do Comité Educativo unha proposta de traballo para mellorar a atención ao alumnado vulnerable en caso de confinamento, a través dun plan que será completado nos próximos días. O obxectivo é dispoñer dunha folla de ruta que permita poñer en marcha todos os recursos dispoñibles para lograr a mellora da atención a este alumnado.

O sistema educativo galego conta cunha ampla rede de preto de 4.000 profesionais especializados no ámbito da atención á diversidade, entre orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica, en Audición e Linguaxe, así como os profesionais de apoio e reforzo. A idea é, segundo explicou o conselleiro, “dispoñer dunhas instrucións e unha asignación de funcións claras para dar a cobertura axeitada a estes alumnos”.

R., 2021-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES