Noticias

Galicia aproba preto dun cento de plans de xestión no marco do primeiro Plan xeral de explotación marisqueira

A Consellería do Mar vén de aprobar un total de 94 plans de xestión de marisqueo de recursos xerais para os próximos tres anos -entre 2021 e 2023- que definirán a actividade marisqueira das confrarías de pescadores e das entidades asociativas do sector en Galicia durante este período. Todos eles aparecen recollidos no primeiro Plan Xeral de Explotación Marisqueira con vixencia de tres anos que pon en marcha o Executivo galego e que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, data na que tamén entra en vigor. Esta orde ten como obxectivo garantir que a explotación marisqueira na comunidade se realiza con todas as garantías e de xeito sustentable, tendo en conta tanto os aspectos medioambientais como os sociais e económicos.

Estes 94 plans repártense entre 52 de marisqueo a pé, 35 desde embarcación e sete mixtos e 49 correspóndense coa provincia da Coruña, 41 coa de Pontevedra e catro coa de Lugo.

Os novos plans de xestión con obxectivos -tanto biolóxicos como ecolóxicos e socioeconómicos- a tres anos están amparados polo decreto no que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas e buscan impulsar a xestión sustentable do marisqueo, adaptar a regulación desta actividade á situación actual do sector e mellorar a eficiencia na resolución dos procedementos.

No caso dos obxectivos biolóxicos, refírense ao uso sustentable e a longo prazo dos recursos marisqueiros, mentres que nos ecolóxicos destaca a participación das persoas mariscadoras en actividades relacionadas coa protección da biodiversidade e os ecosistemas mariños. Neste sentido, o 61% dos plans dos próximos tres anos inclúen a participación do sector na recollida de lixo mariño.

En canto aos obxectivos socioeconómicos, están relacionados maioritariamente coa mellora dos ingresos e o mantemento ou creación de emprego, polo que ao abeiro destes plans está prevista a incorporación de profesionais tanto ao sector de marisqueo a pé como a flote, que no caso do marisqueo a pé se concretan nunha previsión de 137 novos permisos de explotación para 2021.

Novidades dos plans

Entre as novidades dalgúns destes plans, que manteñen o enfoque da coxestión e gobernanza dos recursos coa participación do sector, está a inclusión dentro das actividades de marisqueo da realización de turismo mariñeiro polos mariscadores en apoio do uso sustentable dos recursos. Neste sentido, 17 confrarías inclúen estas actividades, que poden computar aos efectos de cumprir os requisitos de actividade suficiente para a renovación dos permisos de explotación a pé.

O Plan Xeral de Explotación Marisqueira dos próximos tres exercicios tamén inclúe o plan de explotación da Asociación de Rañeiros/as da ría de Arousa que afecta aos bancos marisqueiros de Lombos do Ulla, Cabío e Boído. Na mesma zona, a confraría da Illa de Arousa inclúe por primeira vez entre as especies obxectivo do marisqueo a pé o molusco Crepipatella dilatata, un caracol de mar, co obxecto de levar a cabo a explotación comercial desta especie. Mentres, na ría de Ferrol, no plan conxunto das confrarías de Ferrol e Barallobre, inclúese unha zona nova para a explotación de ameixa xaponesa.

Aínda que a nova regulación establece que os plans son plurianuais, nos vindeiros tres anos poderán aprobarse novos plans de xestión de vixencia inferior a tres anos co obxectivo de responder á iniciativas do sector produtor para xestionar novos recursos, zonas principais de traballo ou o emprego de novas técnicas ou artes regulamentarias coa finalidade de determinar a súa viabilidade antes de que sexan incorporados como plans trianuais.

En canto á actividade de traballar en situacións extraordinarias e en datas de Semana Santa e decembro, o 68% dos plans de xestión aprobados recollen a posibilidade de realizar a actividade extractiva en sábados e en días festivos.

O Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023 tamén establece que cando se inicie a execución do contrato de obras para a dragaxe da ría do Burgo -promovido polo Goberno central- non poderá exercerse a actividade marisqueira desenvolvida na zona ao abeiro dos plans de xestión aprobados á Confraría de Pescadores da Coruña co obxectivo de asegurar a normal execución dos traballos.

Extracción de crustáceos

En canto aos períodos autorizados para a captura de crustáceos, o plan para os vindeiros tres anos establece que está permitido extraer nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro. Mentres, a lagosta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro e o santiaguiño poderase capturar do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de outubro ao 31 de decembro. A maiores, a norma especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.

Co obxecto de facilitar a actividade marisqueira de recollida de algas ou de elementos prexudiciais para o medio mariño que son necesarias para evitar efectos negativos nos recursos, a orde recolle que, de acordo co decreto no que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, estas actividades poden realizarse todos os días do ano requirindo só a comunicación previa á Administración.

En relación aos poliquetos -vermes mariños empregados como engado na pesca de recreo e que se extraen no litoral de Galicia- o plan establece que as entidades asociativas do sector que así o recollesen nos seus plans de explotación poden incluír zonas para que os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos ao día sen interferir na actividade extractiva. As zonas reservadas polas entidades asociativas do sector para este fin publicaranse na páxina web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos.

Neste eido cabe lembrar que a normativa que regula a extracción de poliquetos para cebo no litoral de Galicia non permite que as persoas titulares de licenzas de pesca de recreo poidan extraer poliquetos en zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos.

R., 2020-12-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES