Noticias

A Xunta chegará esta semana a pagar o 70% das solicitudes de axudas á hostalería, a microempresas e aos autónomos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta chegará, na semana actual, a pagar o 70% das solicitudes de axudas do Plan de rescate dedicado á hostalería, ás microempresas e aos autónomos. “E ao longo do mes de xaneiro está previsto que se abone o resto de peticións que cumpren os requisitos”, precisou sobre os 86,2 millóns de euros dedicados a este Plan. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo salientou que, neste período de tempo, recibíronse 40.147 solicitudes, tramitáronse o 100% e pagáronse xa o 68,3% do total, é dicir, 27.423 axudas, por un importe de 53,3 millóns de euros.

Así mesmo, sinalou que foron rexeitadas o 16% “por non estar ao corrente da Seguridade Social ou por outros requisitos básicos” e o 15% do resto atópanse en prazo de subsanación. “Polo tanto, estamos pagando todas as axudas que se tramitaron de forma correcta”, dixo.

En concreto, o presidente da Xunta lembrou que o sector da hostalería foi obxecto dunha liña específica de apoios, da que xa se pagou o 76%, mentres no eido dos autónomos pagouse o 68% -40% para autónomos da hostalería- e no eido das microempresas pagouse o 62% -26% para microempresas da hostalería-.

“O prazo de presentación de axudas aínda finalizou onte. Nunca unha orde se pagou de forma máis rápida que esta”, subliñou Feijóo, ademais de recordar que se trata de medidas pactadas na mesa do Diálogo Social e do Emprego Autónomo de Galicia.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tamén sinalou que, desde o inicio da pandemia, o Goberno galego activou 374 millóns de euros para financiar as necesidades de liquidez e as axudas directas a determinados sectores da economía galega. “374 millóns para autónomos, familias, particulares e tamén, nalgúns casos, entidades e concellos”, dixo.

Feijóo aseverou que esta batería de actuacións, con cargo ao orzamento da Comunidade Autónoma, chegou a uns 120.000 beneficiarios.

Ademais, resaltou que as actuacións foron levadas a cabo para aliviar as dificultades das empresas e soster o emprego. Deste xeito, máis da metade deses 374 millóns, uns 210 millóns de euros, destináronse a axudas para apoiar as pemes, garantir a seguridade e xerar confianza no consumidor; así como ás axudas á dixitalización e préstamos con xuros baixos.

Por último, Feijóo lembrou que o Goberno galego destinou uns 61 millóns de euros ao ámbito social: axudas para a conciliación dos menores de 12 anos, Tarxeta básica ou o Bono coidado extraordinario para dependentes. “E tamén estamos financiando o 100% do Bono alugueiro social para as 800 familias que o posúen”, detallou.

R., 2020-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES