Noticias

Galicia pide ao Goberno central ter presenza nas futuras negociacións tanto en Europa como co Reino Unido sobre o brexit para defender os intereses da súa frota

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu hoxe unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, na que lle traslada a preocupación de Galicia pola incidencia que o acordo sobre o brexit entre a Unión Europea e o Reino Unido ten no sector pesqueiro galego e que supón un novo recorte da actividade da frota en augas de Gran Sol. Ante a incerteza existente, e dado o peso da comunidade no conxunto da actividade marítimo-pesqueira estatal, o titular do Executivo autonómico solicítalle ao Goberno central que Galicia teña presenza directa na representación de España nas futuras negociacións de TAC e cotas tanto no seo da UE como co Reino Unido co obxectivo de que os intereses galegos sexan escoitados.

Feijóo trasládalle na misiva a Pedro Sánchez que a Comunidade está a traballar de forma intensa na análise do acordo e das súas derivadas e que o sector pesqueiro galego e as familias que viven del non poden permitirse un novo impacto semellante ao sufrido coa adhesión de España á Comunidade Económica Europea en 1986. Por iso, ponse á súa disposición e ofrécelle a súa colaboración na defensa dos intereses da frota galega e española.

Non obstante, o titular do Executivo galego lamenta que Galicia aínda non recibise información de xeito oficial sobre o acordo por parte do Estado e incide en que os datos coñecidos ata o momento deixan un panorama sombrío para a frota. Unha situación, subliña, que vén confirmar os malos presaxios e a preocupación expresada pola Comunidade e por outras rexións costeiras europeas desde hai meses en relación coa posibilidade de que a pesca fose entregada como moeda de cambio no acordo.

O presidente da Xunta expón no seu escrito que a redución de cotas como consecuencia da cesión a Reino Unido incide sobre unha base xa moi escasa de posibilidades de pesca derivada do tratado de adhesión de España á UE así como do coñecido como principio de estabilidade relativa, que permitiron manter a actividade en augas de Gran Sol a costa do sacrificio do 70% da frota pesqueira que Galicia tiña neses caladoiros en 1986.

Outras consecuencias

Ademais, incide Feijóo, o impacto do acordo non se limitará unicamente á perda directa de posibilidades de captura pola súa entrega ao Reino Unido. Tamén afectará, moi probablemente, á disposición de especies peláxicas no Cantábrico así como á marxe de manobra que adoita ter España para a realización de intercambios de cotas que contribúan a mellorar o punto de partida anual das posibilidades de pesca.

Outra das repercusións do acordo que cita o presidente da Xunta na súa carta é o feito de que a partir de 2026 -cando remata o período transitorio que comeza agora- as partes terán que negociar de novo o acceso ás augas de Reino Unido e a Unión Europea carecerá do seu principal elemento de forza ante esa situación, a entrada ao mercado comunitario dos produtos pesqueiros británicos. A isto súmase que a frota galega competirá coa británica en desigualdade de condicións pois os buques do Reino Unido non estarán sometidos á Política Pesqueira Común, moi esixente en termos ambientais.

Feijóo tamén advirte de que o impacto indirecto que España e Galicia sufrirán polo brexit tampouco está recollido de forma explícita nos obxectivos e parámetros de axuda incluídos no Fondo de Axuste do Brexit, polo que calquera impacto posterior tería dificultades para ser compensado con este fondo.

Ante esta incidencia do acordo sobre o brexit na actividade pesqueira, a Xunta está en contacto permanente co sector e vai seguir traballando na defensa dos intereses. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar xa encargou dous informes para avaliar o seu impacto tanto desde o punto de vista técnico-administrativo na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros como desde o punto de vista xurídico.

R., 2020-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES