Noticias

Galicia convocará un Consello Galego de Pesca extraordinario para analizar polo miúdo o impacto do acordo sobre o brexit na comunidade

A Consellería do Mar e representantes do sector pesqueiro galego concordaron hoxe en convocar un Consello Galego de Pesca extraordinario nos vindeiros días co obxectivo de analizar polo miúdo o acordo acadado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre o brexit e avaliar a incidencia que terá na economía da comunidade. Este encontro permitirá aos distintos actores do sector marítimo-pesqueiro de Galicia intercambiar as súas impresións sobre o acordo e deseñar a estratexia galega na defensa dos intereses do sector de cara a paliar na medida do posible os efectos negativos que terá de xeito directo na frota galega pola perda de cotas de pesca e outras derivadas da xestión e ordenación da pesqueiras.

Así o sinalaron durante unha reunión por videoconferencia mantida esta mañá entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e membros do seu equipo con representantes de distintas entidades asociativas do sector -as federacións galega e nacional de confrarías de pescadores, a asociación viguesa de armadores de Gran Sol Anasol, a asociación coruñesa Arpesco, a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Puerto de Celeiro- na que fixeron unha análise preliminar das consecuencias do acordo.

As partes constataron a necesidade de que a Administración galega e o sector vaian da man na defensa dos intereses da comunidade pois o acordo supón a redución das posibilidades de pesca da frota que faena en augas de Gran Sol ata 2026, co consecuente impacto nos portos galegos nos que eses buques adoitan operar, así como nas derivadas que este axuste pode ter na ordenación e xestión das pesqueiras tanto en Gran Sol como no Cantábrico-Noroeste.

Por iso, a Xunta vai encargar dous informes sobre a incidencia do acordo no sector, un de carácter técnico-administrativo e centrado no impacto que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros á Fundación MarInnLeg e outro para analizar os aspectos e implicacións xurídicas do acordo ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña.

Os representantes do sector e do Executivo galego mostraron a súa preocupación ante os aspectos aínda descoñecidos sobre a relación entre a UE e o Reino Unido a partir de 2021 e lamentaron que todo aquilo que se perde agora en posibilidades de captura non se vai recuperar en 2026, cando haxa que negociar de novo a relación a futuro entre europeos e británicos. Nesta liña, manifestaron a incerteza que xera esta situación para as empresas galegas e expuxeron que complica a realización de investimentos a longo prazo ao descoñecer como será a súa actividade pasado este período transitorio.

Os responsables da frota de litoral tamén incidiron en que a perda de posibilidades de captura que implica o acordo sobre o brexit vén a sumarse ao recorte sufrido no Consello de Ministros de Pesca da UE da semana pasada, no que se fixaron os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2021 no caladoiro Cantábrico-Noroeste. O acordo supón un novo atranco para o sector pois terá que aumentar aínda máis a presión sobre certas pesqueiras e ve limitadas as posibilidades de planificar mellor e diversificar a súa actividade extractiva.

Contactos co sector

A xuntanza telemática mantida hoxe cos representantes do sector pesqueiro galego dá continuidade á celebrada onte cos responsables da Alianza Pesqueira Europa (EUFA) en Galicia, na que a Consellería do Mar constatou as súas impresións negativas sobre un acordo do brexit en materia pesqueira do que só tivo coñecemento trala súa publicación na web da Comisión Europea.

O Executivo galego manterá novos contactos co sector nos vindeiros días co obxectivo de coñecer as súas impresións e aportacións na defensa dunha actividade vital para Galicia e da que dependen milleiros de familias. Por iso, defendeu a titular de Mar, a prioridade da Xunta será sempre ir da man do sector e protexer os seus intereses en todos os foros nos que sexan sometidos a debate.

R., 2020-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES