Noticias

A mostra itinerante 'Agresión Off: eu digo non á violencia sexual' conclúe o seu percorrido

O concello pontevedrés de Pontecesures acolle a campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, na que será a última parada nos concellos desta mostra itinerante da Consellería de Emprego e Igualdade que ten por obxectivo achegar á poboación recursos para avanzar na igualdade e loitar contra a violencia de xénero. A exposición, que foi visitada pola delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o alcalde cesureño, Juan Manuel Vidal, vén de percorrer desde o pasado outubro 46 concellos galegos integrados na Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

A montaxe ofrece á cidadanía a posibilidade de tomar parte en obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas. Todos os talleres deseñáronse para ser inclusivos e accesibles e abertos a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial habilitado para desenvolver dinámicas adaptadas á súa idade.

Grazas á exposición, a cidadanía de 46 concellos tivo a oportunidade de participar nestes meses en obradoiros con contidos transversais relacionados coa igualdade e a prevención da violencia sexual.

Entre as temáticas que se abordaron con éxito, e que hoxe mesmo están a dispor dos veciños de Pontecesures, destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o namoramento; alerta ante micromachismos; parella e igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade ou a importancia de estar informados.

A Rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Os concellos adheridos colaboran e impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, no desenvolvemento de accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como a campaña que se pode visitar hoxe no miradoiro do Pino Manso de Pontecesures en horario de 9,15 a 14,30 horas.

R., 2020-12-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES