Noticias

A Lei de ordenación do territorio entrará en vigor a comezos de 2021 para completar o marco normativo urbanístico e paisaxístico

O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de Ordenación do Territorio (LOT), un novo instrumento que actualiza e substitúe a unha norma con 25 anos de vixencia co fin de dotar á Comunidade autónoma dun novo instrumento urbanístico máis útil, clarificador e eficaz. Durante unha breve intervención tras o debate parlamentario sobre a lei, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu que unha vez entre en vigor a comezos do próximo ano, a LOT garantirá a cohesión social e mellorará a calidade de vida de todos os galegos, completando así o camiño que se iniciou no ano 2016 coa aprobación da Lei do Solo e posteriormente, do seu regulamento.

Deste xeito e co fin de pechar a renovación do marco normativo autonómico en materia de urbanismo e paisaxe, os grandes criterios e obxectivos aos que responde a nova lei son facilitar o desenvolvemento ordenado do medio natural e do solo como ben limitado, garantir a protección dos valores paisaxísticos e a sostibilidade ambiental, facer accesibles os servizos e infraestruturas públicos, e loitar contra o cambio climático.

O obxectivo básico da LOT é actualizar e facer máis eficaz o marco normativo urbanístico de Galicia, ao tempo que se simplifica administrativamente a súa aplicación práctica. Nese sentido, o texto reduce a catro o número de instrumentos de ordenación: Directrices de Ordenación do Territorio; Plans territoriais (diferenciando entre integrados e especiais, en función da súa maior ou menor escala e ámbito de afección ambiental); Plans Sectoriais; e Proxectos de Interese Autonómico.

A este respecto, a principal novidade é a creación dos Proxectos de Interese Autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, en substitución dos Proxectos Sectoriais de Incidencia Supramunicipal. A súa función será a de planificar e executar actuacións no territorio que transcendan o ámbito do municipio polo seu impacto territorial, económico e sociocultural, como pode ser a implantación de dotacións urbanísticas ou a ampliación de grandes empresas e infraestruturas públicas como, por exemplo, hospitais.

Máis axilidade administrativa

Outra das novidades é que se fixa un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación co fin de axilizar a xestión administrativa e evitar duplicidades. Deste xeito, someteranse a avaliación ambiental estratéxica, ordinaria ou simplificada, integrando o procedemento ambiental no de tramitación do propio instrumento.

Así mesmo, tamén crea o Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, co que se garante unha maior seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade. Neste rexistro deberán inscribirse todos os instrumentos de ordenación do territorio antes da súa entrada en vigor, unha garantía de que se trata da súa versión definitiva e de que, tanto administracións como cidadanía, poderán acceder ao seu contido.

Cómpre lembrar que a aprobación da Lei de Ordenación do Territorio enmárcase dentro da aposta decidida da Xunta desde hai máis dunha década para poñer a disposición dos galegos máis dunha decena de normas, instrumentos e ferramentas coas que acadar o equilibrio entre o crecemento urbanístico e o económico da Comunidade autónoma. Un corpus normativo ao que se sumarán, en breve, as Directrices da Paisaxe, que nas próximas semanas serán remitidas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

R., 2020-12-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES