
Conde explicou que, co novo marco, pásase de apoiar a 120 empresas en España a 600 e desde ese punto de vista os grandes consumidores electrointensivos non teñen unha resposta. Ademais, engadiu que tampouco hai un compromiso claro desde o punto de vista dos mecanismos de CO2 e tampouco se atenden as principais alegacións que tiñamos presentado Galicia, Cantabria e Asturias, especialmente cara a figura dos grandes hiperelectrointensivos. Do mesmo xeito, sinalou que non están contempladas no texto final outras medidas de carácter fiscal que a Xunta consideraba como imprescindibles para abaratar o prezo enerxético.
Por todo o sinalado, Conde apelou ao Goberno a que rectifique esta política enerxética que está deixando a un lado a industria e que está poñendo nunha situación verdadeiramente complicada que os empregos industriais poidan ter un futuro no noso país.
Con respecto ao caso concreto da planta de Alcoa en San Cibrao, Conde defendeu que no momento en que se poida ditaminar que a compañía non está disposta a darlle continuidade, automaticamente a única solución posible é a intervención, lembrando que desde a Xunta así se está defendendo tanto cos traballadores como co propio Goberno.
Necesitamos claramente que haxa unha aposta polo emprego industrial na Mariña pero tamén noutras empresas electrointensivas, remarcou o vicepresidente económico, facendo referencia a exemplos como Alu Ibérica, Ferroatlántica Sabón, e Xeal e Celsa na Costa da Morte. Falamos en definitiva das empresas electrointensivas que con este estatuto non teñen unha resposta ás súas necesidades, remarcou Conde.
Segundo o vicepresidente económico, Galicia perde unha vez máis con este estatuto, denunciando que non sabemos cales son os motivos polos que o Goberno o retrasou, pero desde logo para este resultado podíase aforrar este camiño.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.