
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, acudiu á entrega da undécima edición dos Premios Agader a un total de oito proxectos que conseguiron dinamizar e consolidar o noso rural. Así o destacou José González, sinalando que iniciativas como as galardoadas permitirán que o medio rural sexa o motor para o futuro de Galicia.
O conselleiro salientou que cada un dos oito proxectos premiados recibirá 10.000 euros, por contribuír a crear un rural máis vivo e a impulsar a economía local. Eses cartos deberán investilos na propia iniciativa gañadora, co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar accións complementarias.
En concreto, na categoría de mocidade, a premiada foi a sociedade limitada Fontes de Mané, polo seu campamento turístico Cabanas da Ulla e a súa combinación de servizo de aloxamento con actividade forestal no concello coruñés de Touro.
Canto aos proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural, resultou distinguida a iniciativa de recuperación do patrimonio material e inmaterial da aldea de Puxedo, a cargo da asociación de veciños desta aldea do municipio ourensán de Lobios, en pleno Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.
No apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibiu o premio o centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual Aspadeza, situado no concello pontevedrés de Lalín.
No que respecta á categoría de turismo, o galardón recaeu no proxecto Enoturismo María Manuela SL, un complexo de seis cabanas no municipio coruñés de Touro que contribúen a promocionar tanto os produtos locais como distintas actividades que dinamizan a zona.
No sector agrogandeiro, o gañador foi Bico de xeado, a cargo da cooperativa agraria provincial da Coruña, por apostar pola transformación do leite nun produto de valor engadido.
En canto ás iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio correspondeu á asociación Educando en familia, que actúa na provincia de Lugo, polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos de entre cero e seis anos.
No eido da innovación tecnolóxica, o premio foi para o grupo tecnolóxico Arbinova, emprazado no concello pontevedrés de Salvaterra do Miño, pola súa peme Beta Implants, que deseña e fabrica implantes e próteses para o sector veterinario.
E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, a gañadora foi a iniciativa de recuperación dos montes comunais na parroquia de Lucenza, a cargo da asociación de veciños deste lugar, na localidade ourensá de Cualedro.
Precisamente con respecto á mobilización de terras, o conselleiro do Medio Rural resaltou que proximamente entrará no Parlamento a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia que, segundo recalcou, é froito do traballo de moita xente. José González sinalou que esta norma buscará dar solucións innovadoras para poñer en valor unha terra extraordinaria que temos e que en moitas partes do territorio está abandonada ou non utilizada, mediante figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais -entre os que se inclúen os polígonos cortalumes- e as agrupacións de xestión conxunta.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.