Noticias

O Observatorio Municipal Galego analiza a situación económica-financeira dos concellos galegos e o seu impacto nas economías locais

O Observatorio Municipal Galego fixo pública a súa última análise da situación económica-financeira dos concellos galegos e nela conclúen que “os municipios gozan, en xeral, de boa saúde e, por tanto, están en condicións de reforzar o apoio ás economías locais nestes tempos de crises”. Segundo este observatorio, iniciativa da Rede Localis, rede xestionada polo grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, “os indicadores amosan unha situación económica-financeira saneada, que posibilitaría non só pensar en axudas concretas para favorecer o mantemento do tecido produtivo, tan danado polas repercusións económicas e sociais da covid-19, senón en actuacións menos esixentes para as contas públicas locais".

Os datos analizados polo Observatorio Municipal Galego, indican en nota de prensa desde a Rede Localis, “posibilitan favorecer, desde a óptica pública, o coidado e a atención do tecido económico local e o desenvolvemento de políticas públicas para a cidadanía”. A débeda viva per capita en 2018, detallan, era de 93 euros, mentres que o remanente de tesouraría ascendía aos 499 euros por habitante. Neste ano, engaden, o total de débeda viva dos concellos galegos era de 251,4 millóns de euros, fronte aos 1347 millóns de remanente. “En consecuencia, a débeda non chegaba a representar nin o 19 % dos aforros xerados”, afirman. En termos relativos respecto dos ingresos correntes, engaden, “como indicador proxy da capacidade de satisfacer os importes debidos, a débeda supuña en 2018 o 11 %. O remanente de tesouraría ascendía ao 59% dos ingresos correntes. Ambos indicadores reforzan a formulación do alto grao de saneamento económico-financeiro dos concellos galegos”. Unha conclusión similar pódese obter, apuntan desde o observatorio, do importe de pagos pendentes, que en 2018 representaban 122,4 millóns de euros, 45 euros por habitante, e o mesmo respecto ao período medio de pago, cifrado en 38 días, un resultado moi próximo aos 30 días que establece a normativa.
Elevados remanentes

“Dado a elevada cifra de remanente dos concellos galegos, os expertos recomendan suspender as regras fiscais non só para o exercicio económico 2020 e 2021, senón ir máis aló, establecendo un escenario máis a medio prazo”, indican desde a Rede Localis. A actual situación de incerteza económica e social, subliñan, “precisa dunha adecuación das regras de funcionamento de todas as administracións públicas, e, en particular dos municipios, por dous motivos: a súa capacidade económica-financeira para afrontar gastos e por tratarse da administración pública máis próxima ao cidadán”.

Unha segunda alternativa a expor, detallan en nota de prensa, “sería reactivar o tecido económico que prové ás entidades locais galegas reducindo os trámites administrativos”. Neste sentido, indican que “é necesario, para recuperar o pulso económico nesta segunda onda da pandemia, potenciar a ventá única en todos os municipios de Galicia, contar con persoal nos concellos que mellore a comunicación coas empresas, dispor dunha ordenanza única reguladora para a prestación de servizos e potenciar o papel das entidades de certificación de conformidade municipal”.

R., 2020-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES