Noticias

Galicia e o Norte de Portugal apostan pola cooperación transfronteiriza no ámbito da economía azul

Galicia e o Norte de Portugal defenden a cooperación transfronteiriza en tódolos sectores vinculados ao mar e á actividade marítima. Así o explicou a subdirectora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Graça Fonseca, nunha mesa redonda online con máis de 150 participantes na que incidiu no compromiso da institución coa cooperación no ámbito da economía azul. A mesa redonda celebrouse no marco do Business2Sea 2020, organizado por Fórum Oceano e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coa colaboración da AECT da Eurorrexión.

Así, repasou os ámbitos nos que se sustancia o compromiso da AECT da Eurorrexión, tanto directamente -coa participación no proxecto BlueHuman ou a colaboración coa organización do Business2Sea- como indirectamente -a través do programa IACOBUS ou impulsando instrumentos de cooperación coma a RIS3 Transfronteriza ou o Plan de Investimentos Conxuntos (PIC)-.

A mesa redonda celebrouse no marco do Business2Sea 2020, organizado por Fórum Oceano e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coa colaboración da AECT da Eurorrexión. O Business2Sea está a reunir ao longo desta semana a representantes de diferentes sectores vinculados co mar para debater sobre o futuro da economía azul e o compromiso co Pacto Verde.

Neste foro, profesionais, técnicos e investigadores tamén analizaron aspectos clave para o financiamento da cooperación transfronteiriza en materia de economía azul no próximo marco orzamentario 2021-2027 e presentáronse iniciativas que están a ser desenvolvidas de maneira conxunta entre Galicia e o norte de Portugal.

Cooperar buscando unha Eurorrexión máis azul

Na mesa redonda moderada polo director da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago, interviu o profesor da Universidade de Vigo, Luis Domínguez, que adiantou algunhas liñas do que será o novo PIC 2021-2027, impulsado pola AECT, e que está a ser elaborado en coordinación coa Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N).

Susana Bastón, do CETMAR, e Carlos Pinho, do INESC TEC, mostraron unha proposta para a creación dunha zona de probas transfronteiriza para a produción de enerxía renovable. Este proxecto dá mostra das sinerxias que se poden xerar grazas á cooperación dentro da Eurorrexión, e que resulta de proxectos financiados polo programa IACOBUS permitindo o intercambio de persoal entre ambos organismos.

Por último, Carlos Fernandes, do Instituto Hidrográfico de Portugal, mostrou os resultados dun exercicio de loita contra a contaminación desenvolvido de maneira conxunta entre Galicia e Portugal, un ámbito no que a resposta combinada pode asegurar unha maior efectividade e un uso máis eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles.

R., 2020-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES