
En concreto, a lei 5/2016 do 4 de maio do Patrimonio Cultural de Galicia, recolle que o traslado de bens mobles declarados de interese cultural, como é o caso de ambas estatuas, deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural.
Ante a petición por parte dos seus titulares que vén de producirse, a Xunta actúa en base ao auto xudicial no que se require a colaboración da Consellería de Cultura para realizar o inventario da totalidade dos bens existentes, tanto no interior como no exterior, e, ademais, se indica que en tanto este inventario non se finalice e o xulgado non o autorice expresamente os propietarios non poden retirar ou trasladar ningún tipo de ben da finca.
A Xunta entende que a coordinación, colaboración e unidade de acción debe seguir sendo a folla de ruta ata a entrega provisional do Pazo ao Estado, por iso está colaborando en todo o proceso xudicial coa intención de avanzar na defensa dos intereses do patrimonio público. Estase facendo un traballo coordinado que inclúe a creación dun grupo de expertos en coordinación co Concello de Santiago que xa comezou a traballar para analizar o proceso de recuperación das estatuas ante a nova documentación existente e, por outra parte, se está a avanzar na protección da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.
Neste sentido, o Goberno autonómico iniciou de xeito urxente o proceso para declarala BIC coa intención de que o expediente se incoe nos próximos días. Inclúe os máis de 7.000 volumes que custodia a Real Academia Galega (RAG) e os ao redor de 3.000 que se atopan en Meirás. A declaración suporá blindar a súa protección e garantir o acceso por parte da cidadanía como unha única colección.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.