Noticias

O Parlamento de Galicia dá luz verde ao teito de gasto da Comunidade Autónoma para 2021, que medra un 14,9%

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o ano 2021, que foi aprobado pola Cámara autonómica. En global, o teito de gasto sitúase en 11.664 millóns de euros, cun aumento de 1.516 millóns respecto ao Orzamento deste exercicio, o que supón un crecemento do 14,9%. Deste importe, 11.012 millóns de euros correspóndense con ingresos non financeiros; 685 millóns proceden do obxectivo de déficit e os 33 millóns restantes son axustes negativos de contabilidade nacional.

Valeriano Martínez explicou que este teito de gasto é o máis alto da serie histórica e cualificouno de “excepcional, prudente e rigoroso” para loitar contra a pandemia e para a reactivación económica. Neste sentido, sinalou que se trata dun teito de gasto extraordinario que permitirá afrontar con garantías a pandemia sanitaria, reactivar e impulsar a economía e atender ás familias e empresas que están sufrindo a crise económica.

Orzamentos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública informou tamén á Cámara de que o obxectivo do Goberno galego é aprobar o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma no mes de novembro. “Traballamos coa maior celeridade posible para estar en condicións de aprobar os Orzamentos antes de que termine este mes de novembro”, subliñou.

Finalmente, Valeriano Martínez explicou que o teito de gasto chega ao Parlamento con retraso sobre o ciclo orzamentario habitual posto que os primeiros datos que ten que facilitar o Goberno central para poder elaboralo chegaron hai un mes. Por iso “quixemos acelerar o traballo máis ca nunca para compensar un retraso de máis de dous meses no ciclo orzamentario normal”, apuntou.

R., 2020-11-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES