
O traballo desenvolvido por Iván Area e Juan José Nieto consta en dúas partes diferenciadas. Primeiro, nos meses de xaneiro e febreiro de 2020, indican, deseñamos un modelo matemático que nos permitise predicir o avance da pandemia. O modelo, explican, está baseado en considerar á poboación dividida en distintos compartimentos: persoas susceptibles, infectadas, recuperadas, asintomáticas, superpropagadoras, hospitalizadas, recuperadas e falecidas. Despois de estudar como son as transicións entre as distintas poboacións realizouse a necesaria análise matemática do modelo proposto e as correspondentes simulacións numéricas que axustaban con bastante precisión os datos que ían chegando desde China, sinalan os investigadores. A aplicación destes parámetros, detallan, permitiulles predicir o día 4 de marzo, cando se detectou o primeiro caso en Galicia, que o maior número de novas persoas infectadas íase a producir o día 5 de abril, coincidindo coa data inicialmente prevista para as eleccións galegas. Ese mesmo día 4 de marzo, lembran, informamos a todos os partidos políticos con representación parlamentaria no Parlamento de Galicia, da necesidade de aprazar as eleccións galegas, como finalmente houbo que facer.
O segundo nivel de análise dos investigadores da UVigo e USC céntrase en, unha vez se ten unha estimación de como vai ir evolucionando o número de novas persoas infectadas, estimar cantas persoas van a necesitar asistencia en coidados intensivos. Isto é fundamental porque son recursos altamente especializados para os que é necesario previsión e anticipación, comentan. Neste senso, Area e Nieto subliñan sobre esta problemática como non se trata unicamente de construír un edificio, dentro ten que haber equipamento, pero, sobre todo, ten que haber persoas formadas nun campo tan complexo como os coidados intensivos, nun número que de entrada é incerto, pero coas previsións ás que nos referimos pódese estimar con algo máis de tempo que a pura improvisación. Cando temos que improvisar, improvisemos, pero cando podemos planificar, planifiquemos. O modelo resultante, no que tamén participaron investigadores do Sergas, foi publicado recentemente na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título Determination in Galicia of the required beds at intensive care units.
A situación actual
Entre outros datos, estas ferramentas de predición empregan para os seus cálculos as cifras actualizadas da pandemia. Neste senso, na actualidade, explican Iván Area e Juan José Nieto Roig, a data 1 de novembro de 2020 segundo a Organización Mundial da Saúde houbo máis de 45 millóns casos confirmados no mundo e 1.189.945 mortes provocadas pola covid-19. É dicir, arredor do 2,6% das persoas infectadas acaban falecendo. Por suposto nestas estatísticas non se teñen en conta as consecuencias nas persoas que sobreviviron, moitas delas aínda descoñecidas, afirman. A semana pasada, engaden os investigadores, houbo un incremento dun 16% de novos casos e un 8% de persoas falecidas e a nivel de España declaráronse ata a data 1.185.678 casos e 35.878 falecementos, polo que un 3% das persoas infectadas en España faleceron, cifra que é lixeiramente superior á porcentaxe mundial. Fronte a estes datos Iván Area e Juan José Nieto Roig salientan como é importante recalcar unha vez máis a necesidade para a ciencia de dispor de datos fiables e robustos. A día de hoxe é difícil dispor de datos comparables entre distintos territorios e/ou estados, o que dificulta a análise da evolución da pandemia. Neste senso, advirten ademais que non é entendible desde o punto de vista científico que se queira, por exemplo, reducir o número de persoas infectadas simplemente facendo menos test PCR ou obviando as imprescindibles tarefas de rastrexo.
Tendo en conta as cifras actuais e as predicións que se albiscan, Iván Area e Juan José Nieto destacan como non é evidente as medidas a adoptar, pero cada vez parece máis claro que a toma de decisións locais non produce máis que unha melloría nun breve espazo de tempo sendo necesario decisións globais ou en territorios moito máis amplos que o que se estivo facendo ata a actualidade. Neste sentido, advirten, estamos vendo como se están facendo confinamentos con distintas intensidades a nivel local, provincial, de comunidades autónomas ou de estados. O escaso sentido común dalgunhas persoas lévanos a pensar que a única saída posible é un confinamento real en Europa durante 15 días, con posteriores corentenas estritas para persoas que entren. En maio, lembran, xa se advertiu de que a segunda onda sería moito máis devastadora que a primeira pero parece que se trata unicamente de discursos que calan en determinados grupos de científicos, pero non chegan ás persoas que teñen que tomar decisións. Poderiamos empezar a falar xa da terceira onda. Neste contexto, sinalan os investigadores, sempre é mellor afrontar con decisión, tanto por parte das persoas gobernantes como da cidadanía, as situacións difíciles.
Sobre a denominada inmunidade de rabaño, os matemáticos apuntan como nos nosos modelos iniciais non contemplamos a posibilidade de reinfección. Desde hai xa algún tempo tense visto que é posible que una mesma persoa contraia máis dunha vez a enfermidade. Posto que non todos os casos (dunha infección ou de máis) foron diagnosticados non é posible ter unha cuantificación de cantas persoas se teñen reinfectado. Por este motivo debemos ser moi cautos á hora de falar deste tipo de solucións e utilizar como criterios a maximización das medidas hixiénicas, a minimización dos contactos e, sobre todo, o respecto ás demais persoas pois calquera de nós pode ser grupo de risco, aínda sen sabelo.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.