
Polo tanto, a diferenza depende do número de empregados e tamén depende do número de meses que leve pechado, engadiu o presidente da Xunta de Galicia.
Máis en concreto, as axudas ás que poden optar os establecementos da hostalería serían: 1.200 euros como complemento á prestación por cese de actividade do Estado e 4.000 euros máis en caso de ter empregados, ter estado en ERTE nalgún momento desde que empezou a pandemia e ter unha baixada de facturación de máis do 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
A maiores, o presidente da Xunta explicou que poderán contar con 1.000 euros máis por cada un dos meses que teñan que permanecer pechados.
Despois de recordar que o peche da hostalería do mes de novembro automaticamente vai producir outra vez o dereito a ERTE, sen custo para o titular do establecemento, o titular do Goberno galego incidiu en que estas axudas son adicionais á bonificación do 100% da Seguridade Social e ao pago do 70% do salario.
Para concluír, Feijóo avogou porque todos colaboremos na situación da hostalería. Ante os peches aprobados xa en varias comunidades e a posibilidade de que outros territorios o fagan nos próximos días, pediulle ao Goberno central que valore a posibilidade de reducir o IVE do sector turístico ao 4% durante o tempo que dure a pandemia. Ademais, solicitoulle a todos os concellos de Galicia que bonifiquen ou eximan dos tributos e das taxas ao sector da hostalería durante este ano 2020.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.