Noticias

O XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial reúne on-line a 200 participantes

Este xoves e venres organízase desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial, iniciativa do Círculo Ibérico de Economía Empresarial (Cibecem). A cita, que se celebra a través do Campus Remoto da UVigo debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, está considerada como punto de encontro anual das e dos investigadores no eido da economía empresarial das universidades da raia lusa e española e conta coa participación de arredor de 200 persoas.

Na inauguración da cita, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, indicou como a pesar da situación “como universidade temos que seguir intentado que haxa unha certa normalidade tanto no eido docente como da investigación”, polo que felicitou á organización polo mantemento deste evento de xeito virtual.

Na crise económica derivada da pandemia, apuntou o reitor, “países irmáns” como España e Portugal teñen “un reto monumental pero teñen tamén unha aposta a nivel europeo que é moi importante, que pode facer que saiamos máis fortalecidos desta crise aínda que teñamos que pasar algúns anos con certas dificultades”. Neste contexto, subliñou a importancia de avanzar na cooperación transfronteiriza e no caso das universidades facer achegas con iniciativas coma este seminario “tanto ao coñecemento como o desenvolvemento económico das nosas rexións”.

A relevancia da cooperación Galicia-Portugal tamén foi destacada por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, que participou na apertura do seminario a través dun vídeo gravado previamente. Feijóo, que lembrou como a pandemia provocou que “ao longo da raia tivemos que ver como se levantaba un muro administrativo”, reivindicou ante as e os asistentes “o vínculo imprescindible” existente entre España e Portugal e como esa relación se visibiliza en iniciativas coma este evento. “Temos que continuar traballando xuntos, iso levaranos a atopar maiores e mellores respostas a esta pandemia”, afirmou o presidente. Pola súa banda, Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacou na inauguración “a extraordinaria calidade” da programación do XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial e o feito de que “permite estreitar os vínculos entre as universidades lusas e españolas”. Xa en nome da Deputación de Ourense, o seu vicepresidente Rosendo Fernández, comentou como esta cita “é de grande interese para Ourense” e destacou dela o seu enfoque de cooperación e colaboración tanto entre países como entre entidades públicas e privadas.
Dous días de programación

O presidente de Cibecem, António João Coelho Sousa, explicou pola súa banda como a súa entidade “é unha estrutura de arredor de 15 anos que agrupa a profesorado, investigadores e alumnado de oito universidades ibéricas, catro españolas e catro lusas, coa particularidade de cubrir toda a raia de norte a sur”. Así, concretamente participan en Cibecem os departamentos da área das ciencias económicas e empresariais das universidades lusas de Évora, Algarve, Trás-os-Montes e Alto Douro e Beira Interior e as universidades españolas de Estremadura, Huelva, Salamanca e Vigo. Sobre a cita que celebra en Ourense, José Antonio Fraiz, responsable do comité organizado desta edición e director do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e Saúde da UVigo, explicou como a pesar da pandemia decidiron seguir coa realización do seminario de xeito virtual por tratarse dun evento “moi consolidado que había que seguir”. Así, o profesor subliñou como a organización recibiu máis dun centenar de traballos de máis de 20 institucións, con autores e autoras principalmente de Portugal e España pero tamén de Iberoamérica e do resto de Europa.

Tras a apertura oficial, o seminario, cuxa organización rota cada ano entre as universidades de Cibecem, arrancou cunha conferencia inaugural a cargo de Juan Paz, director da Unidade de Negocio Internacional de Estrella Galicia, sobre a internacionalización e os seus desafíos collendo como caso de análise o da súa empresa. Subliñando como “a internacionalización é cada vez máis decisiva” para o sector empresarial, Juan Paz debullou as claves da internacionalización dunha empresa de carácter familiar, “un diferencial moi importante que te permite ser independente”, segundo afirmou. Ademais desta intervención, esta edición do seminario contará con catro conferencias máis nas que se abordarán por parte de especialistas tanto lusos como españois temas como o modelo da Eurocidade Chaves-Verín, o “mindful travel”, as empresas e destinos turísticos na “nova normalidade” ou mesmo como publicar en revistas de alto impacto.

O XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial, que se organiza por segunda vez na súa historia desde o campus de Ourense, tamén conta cun intenso programa de presentación de 65 comunicacións, que se articularán arredor das temáticas de contabilidade e finanzas; prácticas e didáctica do ensino; estratexia e competitividade; recursos humanos e comportamento organizacional; márketing e márketing dixital; emprendemento e innovación; organización de empresas; responsabilidade social das organizacións; economía aplicada e xestión aplicada e xestión hoteleira e turismo. A diversidade das temáticas destas comunicacións é moi ampla, abranguendo desde a realidade e as expectativas do uso de competencias dixitais entre o alumnado universitario ata o efecto da pandemia sobre o comportamento do mercado. Os novos investigadores tamén terán espazo nesta cita nunha mesa de comunicacións e ademais haberá un taller sobre agronegocios e sostibilidade no que se presentarán once traballos sobre esta temática dun e doutro lado da raia e que se centran en aspectos tan diversos como a agricultura familiar no Huambo ata a economía circular para a produción primaria e a valorización de coprodutos.

R., 2020-11-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES