
Neste senso, subliñou que con respecto a abril deste ano, a Comunidade galega está a recuperar emprego, o que supón un descenso do paro neste período (entre abril de 2020 e outubro de 2020) dun -5,39%. Así mesmo, indicou que o desemprego sitúase a un nivel inferior ao de hai 11 anos, pese á subida rexistrada.
En canto ás afiliacións, a responsable de Formación e Colocación indicou que a Comunidade galega supera o millón de cotizacións (1.012.018) situándose a un nivel superior ao reflectido hai dez anos.
Na evolución mensual, o paro tamén aumenta, aínda que case dous puntos menos que en outubro de 2019. O desemprego medra con respecto a setembro deste ano nun 2,68% fronte á suba do 4,66% rexistrada en outubro de 2019 con respecto a setembro dese ano. Neste senso, Lado apuntou que o incremento deste outubro continúa a tendencia rexistrada en Galicia desde 1996 (serie histórica de datos).
Con respecto ás afiliacións, crecen nun 0,02%, un dato positivo, xa que é un feito habitual que a Comunidade perda cotizantes no mes de outubro. Así, acada o mellor resultado de toda a serie histórica (ano 2005) nun mes de outubro.
Para Zeltia Lado, os datos de paro de outubro reflicten as consecuencias da crise sanitaria e, por iso, reafirmou o compromiso da Xunta de continuar traballando e deseñando medidas da man dos axentes sociais e económicos para recuperar no menor tempo posible o emprego perdido desde o inicio da pandemia e reactivar a economía mediante o fomento do traballo de calidade.
A directora xeral afirmou que a máxima prioridade do Goberno galego é crear emprego para axudar ás familias que máis están sufrindo os efectos desta pandemia. Así, engadiu que a Xunta leva traballando desde o primeiro momento para axudar aos sectores económicos máis afectados co obxectivo de que os traballadores e traballadoras de Galicia poidan manter o seu emprego e aqueles que o perderon poidan incorporarse ao mercado laboral canto antes.
Axenda de Emprego
Lembrou que a Administración autonómica activou unha nova Axenda de Emprego adaptada ao novo contexto socioeconómico para dar unha resposta áxil aos efectos da covid-19. Con esta planificación, que Lado definiu como realista para apoiar ás familias, a Xunta prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas que beneficiarán a máis de 65.000 persoas.
Para axudar aos sectores máis afectados, a Administración autonómica está perfilando no seo do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas. Trátase dunha iniciativa dotada con 70 millóns de euros para apoiar a actividade económica de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas.
En definitiva, Lado sinalou que a Xunta traballa con realismo e, por iso, actualizou a planificación autonómica en materia laboral co principal obxectivo de poñer en marcha medidas que axuden ás familias galegas a paliar os efectos da crise sanitaria o antes posible.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.