Noticias

Galicia reforza as restricións nos 60 concellos con maior incidencia epidemiolóxica con novas medidas que entrarán en vigor ás 15,00 horas do vindeiro venres

Alberto Núñez Feijóo comunicou as medidas acordadas tras a reunión do comité clínico, entre as que avanzou o reforzo das restricións nos 60 concellos con maior incidencia epidemiolóxica con novas medidas que entreterán en vigor ás 15,00 horas do vindeiro venres. Baixo a previsión de que as novas limitacións, que afectarán aproximadamente ao 60% da poboación, estean vixente un mes, “sempre coa avaliación constante do comité”, Feijóo precisou que estas se poñerán en marcha nas cidades e nos perímetros que as conforman como zonas de influencia, así como en concellos puntuais cunha tendencia á alza significativa na incidencia acumulada e no número de casos nos últimos 7 e 14 días.

Deste xeito, as cidades e zonas que terán maior restricións serán: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

A maiores, tamén terán as mesmas restricións os concellos con taxa de incidencia acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes, e tendencia ascendente na notificación dos mesmos: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Así, en todas estas zonas, estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Así mesmo, pechará a hostalaría, agás o servizo a domicilio e para recollida que si se poderá ofrecer; a práctica deportiva quedará restrinxida a deporte individual; e reducirase o aforo en establecementos culturais, que con esas limitacións poderán seguir funcionando –cines, teatros, auditorios, e outros recintos de público sentado poderán ocupar o 50% de cada sala, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior–.

Haberá tamén restricións de mobilidade, é dicir, non se poderá entrar nin saír destas áreas, agás por razóns laborais e actividades esenciais.

Novas medidas para toda Galicia

Ademais das restricións nestas zonas, o presidente da Xunta avanzou a implantación doutras medidas que afectarán a toda Galicia, como son: a limitación das saídas de usuarios fóra das residencias, preservando de momento as visitas dos familiares nas condicións de distanciamento e hixiene establecidas desde hai meses; e o incremento das limitacións de aforo en grandes establecementos comerciais, de xeito que nas zonas comúns só poderá ocuparse un terzo do máximo –nas tendas, continúa o aforo do 50 % como ata agora–.

“En toda Galicia, redúcese o aforo no transporte público non escolar: o transporte urbano contará cun máximo do 50% dos asentos; e o transporte interurbano co 50%”, avanzou, subliñando que o transporte escolar queda garantido, toda vez que os asentos están asignados desde o principio de curso.

“Estas son as medidas que nos dita o comité clínico e que imos aplicar polo ben común dos galegos”, dixo, incidindo en que o que toca para tentar conter e, se é posible, reverter a evolución da pandemia, é seguir redobrando os coidados, a precaución, a alerta e tamén seguir insistindo nas restricións.

“Toca ampliar as limitacións pola nosa saúde e pola saúde dos nosos. Pero tamén toca facelo pola economía, porque canto máis se tarde en actuar, máis difícil e longa será a contención e máis profunda, por tanto, a afectación económica”, abundou.

Sobre este último punto, anunciou que mañá, no Consello da Xunta, o Goberno galego avaliará novas medidas de apoio ao sector da hostalaría e aos seus traballadores, que son “os que máis afectados se ven polas limitacións”.

O presidente do Executivo galego concluíu agradecendo unha vez máis aos galegos a súa responsabilidade, amosada desde o primeiro momento da pandemia.

R., 2020-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES