
O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago, durante a presentación da terceira edición da Business Factory Food (BFFood), realizada en formato dixital, que esta aceleradora vertical segue a reforzar a competitividade e a presenza exterior da industria agroalimentaria galega, dando soporte a proxectos innovadores que ofrecen respostas aos retos actuais do sector.
Como lembrou o director do Igape, os proxectos seleccionados disporán de apoio económico da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que facilitará a cada un financiamento de 25.000 euros a través dunha axuda de Gain, e o acceso a un préstamo participativo de ata 50.000 euros coa posibilidade de capitalización, a través de XesGalicia. A BFFood impulsou nas dúas edicións anteriores 20 proxectos das 121 candidaturas recibidas, tanto desde España como desde fóra do continente europeo.
Os proxectos seleccionados darán resposta aos retos que presenten estas compañías, relacionados coa dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización, ademais dun reto aberto que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora. Con motivo da situación xerada pola covid-19, a BFFood incorpora nesta edición un reto especial co que busca iniciativas dirixidas a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias.
Desde a posta en marcha das business factories galegas, 92 proxectos innovadores pasaron polos seus programas de aceleración. O interese do ecosistema emprendedor polas aceleradoras verticais ponse de manifesto no número de solicitudes de participación na última edición da Business Factory Auto (BFAuto). A aceleradora do sector da automoción vén de pechar a convocatoria da quinta edición cun récord de iniciativas presentadas, todas relacionadas coa transformación dixital e a Industria 4.0: un total de 127 proxectos de 20 países, que se engaden aos que se están a presentar á terceira edición da Business Factory Aero (BFAero) que se pecha o próximo 22 de outubro.
A BBFood, xunto co resto de aceleradoras verticais coas que Galicia conta nos sectores da automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (BioIncubaTech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa), intégrase na plataforma StartIN Galicia, que impulsa o emprendemento en todo o territorio galego.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.