Noticias

A Xunta presentará os orzamentos para 2021 antes do mes de decembro

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez anunciou hoxe no Parlamento que o Goberno galego presentará os Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 antes do mes de decembro. Na súa intervención na Cámara galega para expoñer as liñas xerais de funcionamento do seu departamento, o titular de Facenda e Administración Pública subliñou que a primeira prioridade da Xunta de Galicia é elaborar e aprobar as contas do vindeiro exercicio e por iso “estamos acelerando ao máximo a elaboración dos orzamentos para 2021 e faremos todo o posible para acurtar ao máximo os prazos”, sinalou.

Valeriano Martínez explicou que Galicia necesita ter canto antes as súas contas porque son unha ferramenta clave para seguir acomentendo medidas de maneira inmediata e porque “ter orzamentos permitiunos afrontar en mellores condicións a complicada situación provocada pola pandemia”.

Os presupostos priorizarán garantir os medios e o persoal no eido sanitario; o funcionamento seguro dos servizos educativos; paliar os efectos da crise nos máis desfavorecidos e dar continuidade ás políticas de dinamización económica. En definitiva, “priorizaremos acelerar a recuperación e mitigar os efectos da pandemia nas familias e no tecido produtivo”, apuntou.

Emprego público

Na súa intervención o titular de Facenda e Administración Pública subliñou que outra das prioridades do seu departamento é aprobar a Oferta de Emprego Público (OEP) de 2020 que ascenderá a 2.741 prazas no ámbito da función pública. Delas, 1.215 son para os servizos sociais integrados no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Ademais, a estas prazas hai que engadir 3.263 postos para continuar co proceso de funcionarización do persoal laboral fixo da Administración autonómica en persoal funcionario. Un proceso voluntario que xa está en marcha e ao que solicitaron acollerse máis do 95% dos profesionais da Administración galega.

Esta oferta de emprego público é adicional á convocada no eido do ensino e xa en execución con 3.654 prazas; e á que se aprobará para o sector sanitario.

Teletraballo, dixitalización e simplificación administrativa

Valeriano Martínez explicou tamén que outra das liñas prioritarias é que Galicia sexa das primeiras comunidades en adaptar a súa regulación en materia de teletraballo ao novo marco normativo, un ámbito no que xa foi pioneira no ano 2013. E apuntou que o seu departamento xa remitiu a semana pasada o proxecto de acordo de regulación de teletraballo ás organizacións sindicais para a súa negociación.

Ademais, sinalou que outro dos grandes retos é o de avanzar na dixitalización da administración e na simplificación dos procedementos administrativos para acadar unha maior racionalización e axilización administrativa e afondar na modernización dos procedementos e servizos prestados aos cidadáns.

Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030

Por outro lado, o conselleiro anunciou que a Xunta aprobará o vindeiro ano o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 co fin de ter un sistema de planificación estratéxica para a vindeira década en torno a catro grandes eixes de actuación como son a dinamización demográfica e benestar, o cambio climático, a competitividade e a cohesión social.

Neste sentido resaltou o piar fundamental que supoñen os fondos europeos, tanto os do novo marco comunitario 2021-2027 como os recursos extraordinarios derivados da pandemia.

“Negociaremos ca Unión Europea e co Goberno de España un axeitado reparto dos fondos europeos para que Galicia non saia prexudicada”, subliñou. Ademais, remarcou o importante papel que xogará a Comisión Next Generation Galicia na supervisión da folla de ruta para captar estes recursos europeos.

Manter a Galicia con menos impostos

Finalmente, Valeriano Martínez explicou que Galicia continuará entre as comunidades autónomas nas que as rendas medias e baixas pagan menos impostos. Desde o ano 2016, máis de 535.000 persoas se beneficiaron das rebaixas de impostos aprobadas pola Xunta.

O obxectivo para esta lexislatura é manter todas as rebaixas e incentivos; e aprobar, cando sexa posible, novos beneficios fiscais para as familias numerosas, as familias monoparentais e as vítimas de violencia de xénero; así como afondar en favorecer a recuperación e posta en valor das terras agroforestais.

R, 2020-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES