Noticias

IGVS e Valedora do Pobo intercambiarán información sobre familias afectadas por execucións hipotecarias e desafiuzamentos

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Valedor do Pobo colaborarán un ano máis co fin de intercambiar información de forma áxil e fluída sobre as persoas afectadas en Galicia por procedementos de execucións hipotecarias e desafiuzamentos por impago. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a valedora Dolores Fernández, veñen de asinar un novo convenio de colaboración nesta materia co que se lle dará continuidade á liña de traballo conxunta que manteñen aberta ambos organismos desde o ano 2015. O obxectivo é dobre. Por unha banda, renovar o marco de colaboración establecido entre o IGVS e a institución parlamentaria para garantir unha mellor atención e información ás familias afectadas sobre os seus dereitos e as actuacións e medidas desenvolvidas por parte da Xunta para responder a este tipo de situacións.

E por outra, establecer canles de comunicación áxiles e preferentemente por vía electrónica para que flúa a información correspondente ás queixas ou consultas presentadas ante o Valedor sobre esta materia, co fin de que o IGVS poida valoralas e proceder, se é o caso, a activar os mecanismos dispoñibles para ofrecer unha resposta.

Cómpre lembrar que as queixas recibidas pola institución parlamentaria en materia de desafiuzamentos refírense fundamentalmente a casos de perda da vivenda habitual derivados de execucións hipotecarias ou falta de pagamento das rendas do alugueiro.

Co fin de brindar protección e proporcionar resposta ás necesidades destas persoas, o Valedor do Pobo seguirá impulsando e dando a coñecer cantas medidas vaian orientadas a procurar a efectividade do dereito a desfrutar dunha vivenda digna e adecuada.

Así mesmo, na liña de dar continuidade ás actuacións desenvolvidas desde o ano 2015 en base aos acordos de colaboración co IGVS, o Valedor tamén suxerirá ou recomendará ás administracións locais a adhesión ao programa de vivendas baleiras posto en marcha pola Xunta a fin de optimizar as que estean desocupadas nos referidos concellos.

Neste sentido e tendo en conta que os obxectivos cos que a conselleira e a Valedora asinaron en outubro de 2019 un acordo para o intercambio rápido e áxil de información sobre persoas afectadas por execucións e desafiuzamentos, ambas partes consideraron oportuno renovar esta liña de colaboración a través dun novo convenio, que terá un ano de vixencia e poderá prorrogarse polo mesmo período de tempo.

Para garantir a consecución dos obxectivos previstos no acordo de colaboración e poder levar a cabo un seguimento do mesmo, comprométense tamén a constituír unha comisión de coordinación integrada por un representante de cada un dos organismos que o asinan. Esta comisión será a encargada de propoñer accións concretas, desenvolvelas e facer unha avaliación dos resultados da súa execución.

Outras liñas de colaboración

Co fin de garantir o dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada, especialmente para aqueles sectores sociais cunha menor capacidade económica, a Xunta de Galicia decidiu impulsar no ano 2012 un paquete de medidas encamiñadas a dar cobertura a aquelas persoas en risco de perder a súa vivenda ou que, de feito, xa foron desafiuzadas.

No marco dese programa, precisamente, o IGVS promoveu nos últimos anos unha serie de acordos de colaboración con diferentes institucións e entidades cun papel importante en materia de vivenda. Neste sentido, no ano 2013 asinouse un convenio entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta e a Fegamp co obxecto de establecer un protocolo de actuación conxunta para detectar casos de especial vulnerabilidade en procedementos de lanzamento da vivenda familiar e adoptar medidas de carácter social e realoxo.

Na mesma liña, tamén se asinaron nos últimos anos e se foron renovando acordos de colaboración con diversas entidades financeiras e coa Sareb para destinar algunhas das vivendas que teñen dispoñibles a alugueiros sociais para persoas e colectivos que atravesan especiais dificultades económicas.

R., 2020-10-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES