Noticias

A Xunta de Galicia intervén a residencia de maiores Os Gozos, no Pereiro de Aguiar e eleva os niveis de restricións no concello do Carballiño

A Consellería de Sanidade decidiu elevar o nivel de restricións no concello do Carballiño e aplicarlle as medidas do nivel 3. Así o decidiu logo da xuntanza do subcomité clínico que tivo lugar hoxe e na que se fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia. Deste xeito, aumentan as restricións xa existentes no concello e estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Por outra banda, a Xunta vén de intervir a residencia de maiores Os Gozos, no municipio do Pereiro de Aguiar, despois do aumento no número de casos positivos por covid-19 rexistrado nas últimas horas.

Tras analizar a situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, o subcomité clínico non considerou necesario establecer novas restricións noutras zonas, agás as xa mencionadas no concello do Carballiño. Deste xeito, a día de hoxe, Ourense, Barbadás e O Carballiño están en nivel 3, coas restricións de hostalería anteriormente ditas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas que non vivan xuntas e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

No nivel 2 de restricións continúan os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Poio, Marín, Cambados, Sanxenxo e as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras, así como no Milladoiro (Ames)

Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto. Ademais, no concellos de Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño tamén están prohibidas as xuntanzas de persoas que non vivan xuntas.

Con estas medidas, a intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Pereiro de Aguiar

A Xunta de Galicia vén de intervir a residencia de maiores Os Gozos, no municipio do Pereiro de Aguiar, despois do aumento no número de casos positivos por covid-19 rexistrado nas últimas horas. Unha vez avaliada a situación do centro residencial, as Consellerías de Sanidade e Política Social acordaron tomar esta medida para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro.

Un equipo de profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa se desprazou á residencia para facer un seguimento médico constante dos usuarios da mesma, así como para vixiar a correcta aplicación dos protocolos de prevención, seguridade e hixiene fronte ao coronavirus aprobados pola Xunta de Galicia. Ademais, os profesionais do Sergas velarán pola continuidade dunha atención sociosanitaria axeitada no centro.

A medida de intervir a residencia adóptase despois de que na xornada de hoxe se contabilizaran tres novos contaxios entre os usuarios e outros 23 en traballadores, o que sitúa o número total de casos positivos por coronavirus neste centro en 112 residentes e 25 profesionais.

R., 2020-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES