
Nesa liña, o presidente da Xunta insistiu en que é absolutamente imprescindible modificar a Lei Orgánica de Saúde Pública para poder xestionar con eficacia por parte das comunidades autónomas a pandemia e para garantir a seguridade xurídica, os dereitos dos cidadáns e o funcionamento correcto dos operadores xudiciais en España.
Con este obxectivo, Feijóo subliñou que esta proposta de reforma, construtiva e leal, está baseada en dous grandes bloques: por unha banda, a inclusión dun catálogo de medidas; e, por outra, os requisitos que se deben dar para poder adoptar esas medidas.
No tocante ao catálogo de medidas limitativas dos dereitos e liberdades que poden adoptar as autoridades sanitarias para o control de enfermidades, o titular da Xunta destacou, en primeiro lugar, as referidas ao control das persoas enfermas, así como o sometemento destas ao tratamento adecuado.
En segundo lugar, referiuse ás medidas de control destinadas aos chamados contactos estreitos: o seu sometemento a observación ou vixilancia do seu estado de saúde, exame médico ou probas diagnósticas, así como as medidas de prevención da enfermidade, mesmo a vacinación. Temos que regular que esta vacina é unha vacina obrigatoria e, polo tanto, estar preparados para que, cando teñamos a vacina, a vacina obrigatoria non sexa unha cuestión que teñamos que xudicializar, senón que sexa unha cuestión que a lei orgánica prevé expresamente, aseverou.
En terceiro lugar, subliñou as medidas de control do entorno dos enfermos e das zonas afectadas: medidas que comporten a limitación ou restrición da circulación; medidas de control de saída ou entrada na zona; restricións nas agrupacións ou concentracións, incluídas as reunións privadas; e a posibilidade de realizar probas diagnósticas de grupos de poboación determinados.
O presidente da Xunta salientou que todas estas medidas deben forman parte do ordenamento xurídico no ámbito da lexislación sanitaria, deben ter un rango normativo básico e debemos telo de forma inmediata para non vivir nun sobresalto continuo.
En canto aos requisitos, Feijóo precisou que en todo momento as medidas se adoptarán coa urxencia que o caso requira, de xeito motivado, deberán publicarse no diario oficial correspondente e serán sempre temporais.
Así, as medidas respectarán en todo caso a dignidade da persoa; buscarase sempre con preferencia a colaboración voluntaria; non se poderán ordenar medidas obrigatorias que impliquen risco para a vida; e procurarase sempre que sexan as que menos prexudiquen o principio de libre circulación, liberdade de empresa e outros dereitos. Estas medidas, en definitiva, teñen que ser adecuadas, necesarias e ponderadas, concluíu.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.