Noticias

A Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos

Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos e co obxectivo de que cada un deles poida ver como evoluciona a pandemia no seu ámbito municipal, preservando ademais o dereito á confidencialidade da historia clínica. Elaboraranse dous mapas, un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días, establecéndose os niveis de alerta segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes e os de máis de 50.000. Para os concellos de menos de 50.000 habitantes estableceranse as cores: verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos; laranxa para entre 14 e 20 casos novos; e vermello para máis de 20 casos novos.

No caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes, establecerase: o verde para os que teñan menos de 28 casos novos á semana por 100.000 habitantes; amarelo para entre 28 e 55 casos novos á semana por 100.000 habitantes; laranxa para entre 56 e 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes; e vermello para máis de 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes.

“Desta clasificación sairían dous mapas: un aos 7 días e outro aos 14 días, onde se indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións”, engadiu Feijóo, precisando que esta información se fará pública na web da Consellería de Sanidade.

Durante unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, o presidente da Xunta aseverou que “se a colaboración é imprescindible en momentos ordinarios, faise absolutamente imprescindible nos momentos excepcionais como o provocado por esta pandemia”.

Nesta liña, o titular do Goberno galego confirmou a decisión de convocar “de forma inmediata” unha nova reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, recordando que nos últimos anos se lograron importantes consensos en materias como: a convocatoria única de policías locais, a Axenda Social Única, o Plan marco de mellora de Camiños, o Pacto pola paisaxe; ou o reparto e recursos adicionais do Fondo de Cooperación Local.

Sobre este último punto, despois de coñecer onte algunhas liñas mestras por parte do Goberno central e se ben aínda faltan datos para poder elaborar os orzamentos autonómicos para 2021, Feijóo adiantou o compromiso coa Fegamp de celebrar unha xuntanza, antes de presentalos, para concretar o alcance e contido do Fondo de Cooperación Local para o vindeiro ano.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta destacou que ao longo da última década os concellos galegos percibiron por este concepto máis de 1.300 millóns de euros; “e agora é preciso avanzar nos criterios de reparto para 2021”, dixo, incidindo en que a intención do Executivo autonómico é seguir a priorizar proxectos dirixidos a competencias de interese compartido.

“A auga é un tema prioritario nesta lexislatura”, subliñou Feijóo, facendo fincapé na necesidade de avanzar no Pacto da auga, referíndose á proposta da creación dunha empresa pública para xestionar o abastecemento e o saneamento, de común acordo cos concellos e coas deputacións.

Ao longo da reunión, Feijóo destacou tamén os avances para pechar o mapa de resposta ante as emerxencias; a colaboración para erradicar a vespa velutina; a convocatoria única para a provisión de vacantes de Policía Local, á que xa se sumaron 81 concellos; o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, “no que invitamos á adhesión de todos os concellos”; a iniciativa Doing Business, á que xa están adheridos 133 concellos; e o Plan de transporte público, no que a Xunta agarda contar coa implicación de todos as Administracións para acadar o 100% de funcionamento.

Por último, o titular da Xunta e o presidente da Fegamp abordaron a redución drástica nos servizos ferroviarios, destacando as suspensións que afectan aos Feve Ferrol-Ribadeo, ao Eixo Atlántico, ás conexións Ourense-Monforte-Lugo e ás viaxes a Madrid, Barcelona e País Vasco. Ademais de manterse pechado o servizo de venda de billetes nalgunhas estacións.

R., 2020-10-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES