Noticias

O Banco de España volve situar a Galicia como a 3ª comunidade de réxime común con menor endebedamento de toda España

O Banco de España volve situar á Comunidade Autónoma de Galicia como a terceira comunidade autónoma de réxime común con menor endebedamento de toda España, tal como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo organismo regulador. En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia sitúase no 19,6% ao peche do segundo trimestre do ano. Galicia amplía así o diferencial coa media autonómica, sendo 6,5 puntos inferior á media de comunidades (26,1%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.

A ratio de débeda/PIB de Galicia no segundo trimestre é superior en 1,3 puntos ao rexistrado no mesmo período de 2019 (18,3%). Este incremento é consecuencia da subscrición de créditos a curto prazo para axilizar o pagamento aos provedores e aumentar a súa liquidez por mor da covid-19, tal como estableceu o Plan de tesourería impulsado pola Xunta de Galicia. De feito, os datos oficiais do Ministerio de Facenda sitúan a Galicia como a segunda comunidade autónoma con menor período medio de pago ao peche do primeiro semestre do exercicio, cunha media de 13,23 días.

Volume de débeda

En canto á evolución do volume de débeda, os datos do Banco de España indican que a débeda do conxunto das comunidades autónomas aumentou a 305.689 millóns de euros, dos cales o 3,92% -11.971 millóns- se corresponden coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Os datos oficiais do Banco de España ratifican que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

R., 2020-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES