Noticias

Galicia anuncia a primeira emisión de bonos sostibles por un importe de 500 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a primeira emisión de bonos sostibles da Comunidade, por un importe de 500 millóns de euros. “Trátase de bonos que estarán integramente orientados aos investimentos sociais e medioambientais, á economía verde e vinculados tamén á Axenda 2030”, aseverou, precisando que soamente se poderán utilizar para as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a xestión sostible dos recursos naturais, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga. Así mesmo, estes recursos tamén poderán ser empregados en cuestións sociais, como a mellora da accesibilidade no mundo rural, o acceso a servizos esenciais, o acceso á vivenda ou a xeración de emprego.

Deste xeito, Galicia convértese na segunda comunidade autónoma de réxime común e financiamento de réxime xeral que emite bonos verdes, despois de Madrid -tamén o fixeron o País Vasco e Navarra-.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que “o obxectivo é pechar esta operación nos próximos días”. “Non é un incremento da débeda pública. Son 500 millóns de euros que substitúen a outros 500 millóns de euros que vencían nestas mesmas datas. Polo tanto, substituímos débeda pública tradicional que vence, por bonos verdes cunhas condicións de compromiso medioambiental específicas e cunhas características de financiamento e de tipo de interese moi atractivas”, sinalou.

O presidente da Xunta recordou que, segundo os datos oficiais do Banco de España, Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda pública na última década.
O aumento da débeda pública en Galicia entre 2008 e 2019 é o menor de toda España, xa que o incremento rexistrado en Galicia representa 110 puntos inferior á media do conxunto de España. Grazas a este mellor comportamento respecto ao resto das comunidades, Galicia evitou na última década a emisión de 3.874 millóns de euros de débeda.

“E somos tamén a terceira comunidade autónoma de réxime común coa menor ratio de débeda/PIB de toda España”, engadiu, explicando que este indicador sitúase ao peche do primeiro trimestre de 2020 no 18,1%, seis puntos menos que a media autonómica (24,1%). Só dúas comunidades de réxime común –Canarias e Madrid– teñen unha ratio de débeda máis baixa que a galega.

R., 2020-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES