Conde salientou que se trata dunha infraestrutura que xa é unha realidade e, sobre todo, que ten moito futuro por diante porque o obxectivo é que este parque industrial conte cunhas instalacións únicas e pioneiras en España que sirvan como base de operacións ás empresas dun sector con gran potencial de crecemento como é o aeroespacial. Segundo dixo, contar con máis e mellores infraestruturas fai do Polo Aeroespacial un reclamo para atraer novos investimentos e fortalecer, así, o tecido empresarial deste sector en Galicia.
O Polo Aeroespacial do 2025
O vicepresidente económico salientou que ese é xustamente un dos retos para o vindeiro período 2021-2025 no que se prevé un investimento público-privado de 160 millóns de euros para reforzar as infraestruturas existentes, consolidar a industrialización de equipos e sistemas, e avanzar na busca de solucións tanto para o sector público como privado. Unha nova fase, dixo Conde, que vai permitir que Galicia poida seguir na vangarda do sector dos avións non tripulados no eido do coñecemento, da investigación e, sobre todo, coas achegas da industria e coa presenza de multinacionais como Indra, Boeing, Babcock e a través da colaboración do Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta).
Con ese fin, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), lanzou o pasado mes de xuño unha consulta ao mercado para identificar novas tecnoloxías e tendencias no sector e deseñar o Polo Aeroespacial do 2025. Ao respecto, Conde apuntou que se recibiron 153 manifestacións de interese -presentadas por 67 entidades diferentes- das que, máis da metade proceden doutras comunidades autónomas e de empresas de países como Israel, EEUU, Portugal, Suíza, Italia ou Holanda.
O vicepresidente económico adiantou que a Xunta traballa coa previsión de que, unha vez avaliados os resultados desta consulta, se poida dispoñer dun mapa de demanda para finais de ano, que vai ser fundamental para coñecer os retos do sector, as necesidades das empresas, para deseñar actuacións de apoio e para trazar novos obxectivos.
Sobre a resposta recibida, Conde dixo que demostra a repercusión e os progresos que está a facer o Polo Aeroespacial de Galicia, que está posicionando Lugo como un referente do sector e amosando o compromiso da Xunta coa Galicia máis innovadora. Nesta liña, concluíu asegurando que non haberá desenvolvemento económico se non é sustentable e tecnolóxico e que esa vai ser unha das principais premisas desta lexislatura.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.