Noticias

Galicia e Asturias traballarán conxuntamente para lograr unha aterraxe suave no próximo período de fondos europeos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe en Oviedo unha xuntanza co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, na que entre outros asuntos analizaron o novo período de financiamento europeo e acordaron traballar conxuntamente para lograr unha aterraxe suave dos fondos que reciben ambas rexións procedentes da Unión Europea. En pleno proceso de definición da asignación do período 2014-2020, as primeiras previsións indicaban que Galicia e Asturias serían as rexións que perderían máis financiamento comunitario, unha cuestión especialmente gravosa na actual situación de pandemia e do seu impacto na economía e no emprego.

Ante esta posibilidade dun descenso brusco na percepción de fondos, os presidentes galego e asturiano acordaron hoxe traballar de xeito conxunto para que este reparto provisional se corrixa e ningunha rexión sufra no vindeiro período unha baixada abrupta dos fondos que recibiu no actual período 2014-20.

Nesta liña, o presidente da Xunta subliñou que, a nivel de apoios europeos, está o fondo de reconstrución europea fronte á covid-19, pero iso non pode facer esquecer que está a piques de aprobarse o orzamento comunitario 2021-2027. Para iso, destacou que “é fundamental que os fondos de cohesión, cuxa contía practicamente permanece estable para España, se repartan con criterios de salvagarda e cunha rede de seguridade” de forma que as comunidades autónomas non perdan fondos con respecto ao período actual.

En concreto, formarase un grupo de traballo no que haberá representantes dos departamentos de Facenda de ambos goberno para, segundo indicou o presidente, “facer un documento conxunto e poder facer unha proposta conxunta ao Goberno de España”. E destacou que esta tarefa se fará “con independencia das cores” e traballando polos cidadáns.

Intereses compartidos

Noutra orde de asuntos, Feijóo e Barbón tamén se referiron á alianza posta en marcha entre Galicia, Asturias e Castela e León, en defensa dos intereses loxísticos compartidos, en concreto, o corredor ferroviario de mercancías, sobre a que renovaron o seu compromiso.

“Isto naceu dun cumio e de moitos meses de traballo no ano 2017”, destacou Feijóo e recordou que no seu día se consensuou un plan de necesidades cifrado en 3.000 millóns de euros e foi trasladado ao Goberno central para facilitar a defensa dos seus intereses ante as convocatorias de fondos da UE.

O presidente da Xunta tamén aseverou que se trataron outros temas comúns na reunión como o reto demográfico, a dispersión e o envellecemento da poboación, e afirmou que estes factores supoñen “un incremento no custo da prestación dos servizos públicos”. Así, concluíu, “debe estar dentro de calquera sistema de financiamento dun país descentralizado”.

Día de Galicia

Feijóo tamén se referiu a súa asistencia, tras a reunión co presidente asturiano, ao acto de celebración do día de Galicia en Asturias. Destacou que hai máis de 11.000 galegos que viven no Principado e subliñou que “os asturianos e os galegos entendémonos sempre ben e seguiremos facéndoo”.

R., 2020-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES