Noticias

Un plan específico para o ensino virtual reforzará a formación do profesorado en competencias dixitais

A Xunta está ultimando un plan específico en materia de competencias dixitais para o ensino a distancia, co fin de que o funcionamento do sistema educativo non se vexa afectado pola pandemia. Así o salientou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que avanzou un proxecto para potenciar as competencias telemáticas de docentes e alumnado co obxectivo de estar preparados e garantir que o impacto da covid-19 na formación e da transmisión de coñecementos sexa o menor posible. Este Plan de Continxencia, no que xa están traballando os técnicos da consellería e expertos docentes na materia, incluirá medidas dirixidas ao profesorado e ao alumnado.

Así mesmo abranguerá un ámbito formativo específico para o profesorado, así como o reforzo de equipamento tecnolóxico para os centros e o alumnado e a implementación de contidos educativos específicos para a aprendizaxe en liña. Trátase, por tanto, de poñer a disposición de alumnado e de profesorado todas as ferramentas tecnolóxicas e recursos formativos necesarios para a activación do ensino á distancia, se fora necesario.

Precisamente a formación do profesorado e a actualización das competencias docentes vinculadas ás novas esixencias tecnolóxicas é unha das principais apostas do Goberno autonómico, que se canaliza a través do Plan Anual de Formación do Profesorado.

O Plan de Formación para este curso 2020-21, ademais da formación específica para os equipos covid dos centros escolares –que arrancou na primeira semana de setembro–, contempla cursos sobre o achegamento á docencia mixta (con accións formativas nas que se abordarán os modelos de aprendizaxe a distancia, a súa aplicación práctica no sistema galego e as ferramentas dispoñibles), sobre coñecementos tecnolóxicos e actualización de ferramentas didácticas para docentes, que están dirixidos ao cen por cen do profesorado do sistema educativo galego.

Espazo informativo para as familias

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de habilitar no seu portal web o espazo Volvamos á escola con sentidiño, no que se facilita o acceso a toda a información de interese sobre as medidas da Xunta en relación á adaptación do curso escolar 2020/2021 no contexto da pandemia da covid-19.

A principal novidade neste espazo é a incorporación dunha guía ilustrada que resume o Protocolo elaborado polo Goberno galego ao respecto, coas medidas básicas como a realización de test serolóxicos para todos os traballadores do sistema educativo, a designación dun equipo covid en cada centro, así como cun centro de saúde de referencia asignado a cada colexio ou instituto para consultar dúbidas, entre outras.

Así mesmo, explícanse os pasos que se deben seguir cada día antes de acudir ao centro educativo, fundamentalmente realizar unha enquisa de autoavaliación –que tamén se inclúe neste documento–, así como o protocolo de actuación no caso de detectar algún dos síntomas.

Preguntas e respostas

O espazo Volvamos á escola con sentidiño, que seguirá enriquecéndose con novos contidos, inclúe tamén pestanas en relación ao inicio escalonado do curso escolar, de protección na aula, nos comedores, transporte e recreo, así como especificacións sobre o alumnado con necesidades educativas especiais e o de Infantil.

Tamén quedan recollidas as recomendacións referidas ás familias e ANPAs canto ao desenvolvemento de actividades extraescolares ou a realización de reunións ou celebracións nos centros de ensino.

Para facilitar aínda máis a comprensión do Protocolo de adaptación do curso escolar 2020/2021 no contexto da pandemia da covid-19, súmase á configuración deste espazo web un apartado de preguntas e respostas máis frecuentes.

Outros materiais

Volvamos á escola son sentidiño complétase co texto íntegro das Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud Pública e a actualización das recomendacións sanitarias do comité clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, así como co acceso á cartelería elaborada pola Xunta para os centros de ensino arredor da protección fronte á covid-19.

R., 2020-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES