Noticias

Os centros de secundaria adiarán o inicio do curso aos días 23, 24 e 25

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou o adiamento do inicio de curso en Secundaria aos días 23, 24 e 25 de setembro. A decisión foi consensuada coa Xunta Autonómica de Directores, nunha reunión celebrada cos representantes dos centros de Secundaria e cos xefes da Inspección educativa nas catro provincias. A decisión do adiamento foi comunicada aos representantes das familias e dos profesionais dos centros. Tal e como explicou o titular do departamento, trátase dunha decisión prudente, “que responde a razóns técnicas, que tomamos en base a criterios organizativos e metodolóxico-pedagóxicos, e logo de escoitar a opinión dos representantes dos directores de Secundaria e dos xefes de Inspección”.

Segundo explicou, outras Comunidades Autónomas están tomando decisións similares. Este adiamento facilita a adaptación e organización dos centros para reforzar as medidas sanitarias tras os cambios acordado entre as comunidades e o Goberno central o pasado 27 de agosto, unha xuntanza que os Ministerios deberían ter convocado moito tempo antes. Neste sentido cómpre lembrar que as recomendacións acordadas coas Comunidades Autónomas alteraron a planificación inicial ao cambiar a distancia de seguridade entre os alumnos nas aulas a 1,5 metros. Isto cambiou radicalmente as previsións dos centros de Secundaria e está xerando un sobresforzo nos equipos directivos e no profesorado, que a Consellería recoñece e valora, e que convén aliviar para favorecer unha volta segura ás aulas nas mellores condicións blindando a seguridade e a calidade.

A medida tamén favorecerá a implementación das medidas plantexadas o pasado martes no Consello Escolar de Galicia, como a instalación de mamparas nas aulas e talleres ou a opción de solicitar un sistema semipresencial no ensino non obrigatorio. Ademais, a semana a maiores coa que se conta para preparar o inicio do curso aproveitarase para incrementar as accións formativas dirixidas a profesorado e alumnado en materia hixiénico sanitaria, unha medida que servirá para mellorar o estándar de seguridade da comunidade educativa.

Contratación de profesorado

En calquera caso, Román Rodríguez recalcou que xa se está a traballar na determinación da cifra de profesores que será preciso contratar este curso a maiores para estas etapas, co fin de dar resposta aos desdobres que sexa necesario realizar. Este reforzo concretarase nos próximos días, unha vez se pechen definitivamente as necesidade de cada centro. Ao respecto, reiterou que se contratará o persoal que sexa necesario, igual que se fixo en Infantil e Primaria con 240 novas incorporacións.

O conselleiro reiterou tamén a súa disposicións a escoitar atentamente as demandas e suxestións de todos e cada un dos membros da comunidade educativa, como leva facendo ao longo desta semana. En base a elas, poderase continuar tomando decisións xustificadas en criterios sanitarios, organizativos e pedagóxicos, consensuados, co fin de afrontar o resto do curso con maiores garantías.

Novo calendario

Co novo calendario mantense a distribución por cursos no inicio escalonado. Así, os alumnos de 1º e 2º da ESO, os de 1º de Bacharelato e os de 1º de FP Medio e Superior, que inicialmente comezarían as clases o vindeiro mércores 16, farano o mércores 23; mentres que os de 3º da ESO, de 2º de Bacharelato e de 2º de FP Medio e Superior, que volvían ás aulas o xoves 17, regresarán finalmente o xoves 24. Os estudantes de 4º da ESO e FP Básica, que comezarían as clases o venres 18, farano o venres 25.

Obxectivo común

Román Rodríguez agradeceu a colaboración, o esforzo e a responsabilidade, de todos os membros da comunidade educativa nestes últimos meses, grazas ao que foi posible comezar onte con normalidade o curso en Infantil e Primaria e Educación Especial, “unha gran normalidade dentro da enorme excepcionalidade do actual momento”, como indicou o conselleiro. Un éxito que quixo agradecer ás familias, profesorado e equipos directivos de Infantil, Primaria e Educación Especial.

Neste sentido lembrou que, neste reto de país que é preservar as garantías sanitarias e de calidade educativa no curso 2020/2021, aínda queda o regreso ás aulas do alumnado de Secundaria. Para sacalo adiante con éxito, comprometeuse a seguir escoitando os axentes educativos e incorporando as súas achegas ás medidas que desenvolva a Consellería.

R., 2020-09-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES