Noticias

Os centros educativos que o precisen poderán optar pola semipresencialidade en Bacharelato e FP de grao superior

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ofreceu aos centros educativos que impartan Bacharelato e Formación Profesional de grao superior optar pola semipresencialidade durante este curso 2020/2021, se así o precisan. Fíxoo na reunión do Consello Escolar de Galicia, onde o titular do departamento educativo da Xunta escoitou as suxerencias dos axentes participantes de cara ao inicio deste ano académico e á adaptación do ensino galego á situación derivada da pandemia da covid-19, unha reunión na que participou tamén o conselleiro de Sanidade. O conselleiro convidou os participantes a unir forzas para preservar a calidade e equidade do sistema educativo galego, ao tempo que se traballa para conseguir unhas aulas seguras.

A semipresencialidade en Bacharelato e FP de grao superior poderán solicitala os centros que, polo número de ensinanzas que imparten, pola súa alta matrícula ou por razóns arquitectónicas, teñan dificultades para adaptarse ás medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021. En calquera caso, esta opción deberá ser autorizada pola Inspección educativa, e estará sempre vencellada ao contexto actual da pandemia.

Para dar maior flexibilidade á hora de organizarse, tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de que os centros instalen mamparas protectoras nas aulas ou talleres para garantir que se mantén a seguridade e a separación pertinente entre os alumnos. Esta medida xa foi avalada polo Comité Clínico. En calquera caso, Román Rodríguez reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de incrementar o profesorado en Secundaria para facer os desdobres necesarios.

No caso das ensinanzas que comezan mañá (Infantil, Primaria e Educación Especial) non se baralla esta opción, dado que os centros xa están preparados para afrontar o curso escolar. Neste sentido cómpre lembrar que este alumnado se vai organizar en grupos de convivencia estable de ata 25 alumnos, que non precisan manter a distancia de 1,5 metros entre si. Ademais, nestes centros xa estarán mañá operativos os desdobres necesarios e traballando os 240 docentes contratados a maiores para darlles cobertura ás unidades creadas.

Como complemento e para maior apoio en casos de gromos, o conselleiro anunciou tamén a elaboración dun Plan de Continxencia para o Ensino Virtual ou semipresencial que inclúa reforzo do equipamento, formación do profesorado e contidos educativos. Este Plan será de aplicación a todas as etapas non universitarias.

Comité Educativo

Co mesmo obxectivo de garantir a calidade do ensino nesta situación excepcional, mañá mesmo someterase á aprobación do Consello da Xunta a creación dun Comité Educativo, que traballará de xeito coordinado co Comité Clínico, un órgano asesor para tomar as decisións vencelladas co desenvolvemento da actividade lectiva e avaliacións en función da evolución da situación sanitaria.

Este equipo de expertos non abordará cuestións sanitarias, reservadas para o Comité Clínico, senón que se centrará en asesorar en todo o relacionado coa metodoloxía, contidos e posibilidades de impartir docencia neste novo escenario.

Protocolo para os gromos

Aproveitando a presenza do conselleiro de Sanidade, o titular de Educación explicou tamén que xa se está a traballar na actualización do Protocolo para a xestión dos gromos (vixente desde abril). Así mesmo, habilitarase un sistema de información para toda a comunidade educativa, de tal forma que as familias poidan coñecer como se atopa a situación de contaxios no referido aos centros.

Nunha chamada á tranquilidade, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou que cada centro de ensino ten un centro de saúde de referencia para todas as consultas relativas á covid-19. Ademais, no caso de haber un gromo, intervirá a Xefatura Territorial de Sanidade.

Comedores

Ademais de no estritamente educativo, Román Rodríguez quixo insistir na importancia do servizo complementario de comedor escolar, especialmente no que atinxe á conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido comprometeuse coas Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) que xestionan comedores escolares a incrementar de forma substancial a contía das axudas que a Consellería lles destina anualmente, co fin de facilitar as medidas de adaptación sen que isto supoña un prexuízo para as familias no prezo do menú.

Así mesmo, a Xunta de Galicia está a traballar xa nun protocolo específico para o funcionamento dos comedores escolares, que será sometido á avaliación e asesoramento do Comité Clínico.

Un reto de país

Román Rodríguez sinalou o curso escolar é “un reto de país, no que todos estamos implicados” e que supón “unha triple responsabilidade”: sanitaria, de xestión e educativa.

Neste sentido o conselleiro quixo rematar facendo unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade, pedindo a colaboración dos participantes no Consello Escolar de Galicia para, neste curso 2020/2021, garantir a seguridade de toda a comunidade educativa á par que se mantén o prestixio do ensino galego avalado por informe como PISA.

R., 2020-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES