Noticias

Galicia mantén o inicio do curso escolar para o 10 de setembro, coa incorporación gradual do alumnado

O curso escolar en Galicia comezará o 10 de setembro coa incorporación gradual do alumnado. Os primeiros en incorporarse ás aulas o xoves 10 serán os alumnos de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; e Educación Especial. Ao día seguinte, o 11 de setembro, iniciarán o curso escolar os alumnos de 6º de Educación Infantil e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Deste xeito, o venres día 11 estarían xa incorporados ás aulas a totalidade do alumnado das etapas de Infantil e Primaria.

No que atinxe ao resto das ensinanzas non universitarias, o inicio de curso tamén se mantén para o 16 de setembro e de xeito gradual. Ese día volverán ás aulas os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP Media e 1º de FP Superior; o día 17 de setembro farano os de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP Media e 2º de FP Superior; e finalmente o día 18 incorporarase o alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.

Este calendario gradual responde ao obxectivo de facilitar a organización por parte dos equipos directivos e a adaptación do alumnado ás novas dinámicas dos centros educativos, tal e como explicaron hoxe o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Oitavén, e o director xeral de Asistencia sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, nun encontro no que deron conta das principais novidades na volta ás aulas logo de incorporar, por unha banda, as cuestións acordadas a semana pasada entre o Goberno central e as CCAA, e por outra, as últimas indicacións do comité clínico de expertos que asesora ao Goberno galego en diferentes ámbitos desde que comezou a pandemia. Deste xeito Galicia é a primeira comunidade en adaptar o seu protocolo ás actuacións consensuadas co Goberno do Estado. As Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud Pública e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021 poden consultarse no Portal Educativo, cos cambios resaltados respecto da anterior versión do Protocolo, na seguinte ligazón: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/31754

Organización das aulas

Para a organización do alumnado nas aulas, mantéñense os grupos de convivencia estable (sen necesidade de aplicar limitación de distancia) para o alumnado de Infantil e Primaria. Canto ás etapas superiores (ESO, Bacharelato e Formación Profesional), establécese que os postos escolares manterán unha distancia de 1,5 metros entre si medidos desde o centro da cadeira. Para cumprir con esta medida pódese retirar mobiliario da aula ou buscar espazos alternativos se o tamaño da aula impide manter a distancia. Se estas dúas opcións non fosen posibles, efectuarase o desdobre da aula.

Presencialidade, uso de máscara

Por outra banda, o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021 que foi presentado o pasado xullo, inclúe de maneira explícita a presencialidade, polo que a actividade lectiva será presencial en todos os niveis e etapas do sistema educativo, priorizándoa para o alumnado de menor idade, polo menos ata 4º de ESO.

Tamén se incorpora a xa anunciada obrigatoriedade da máscara para o alumnado de Primaria (que deberá tamén levar unha segunda máscara de recambio nun estoxo); e a recomendación do seu uso para os nenos de Infantil, sempre que sexa posible.

Toma de temperatura domiciliaria

Tal e como se estableceu nun primeiro momento no Protocolo, serán as familias as que realicen a medición de temperatura e a avaliación doutros síntomas, diariamente nos seus domicilios antes de acudir ao centro escolar. En todo caso, os centros educativos deberán informar de que o alumnado con sintomatoloxía non pode acudir ao centro; e confirmar que esta información foi recibida.

Comedor e transporte

No que atinxe á organización do servizo de comedor escolar, os comensais deberán gardar unha distancia de 1,5 metros, sentados en oblicuo, e con postos fixos para cada un durante todo o curso escolar. Para garantir o servizo a todos os usuarios, a entidade xestora do servizo de comedor pode establecer quendas, utilizar espazos lindeiros ou instalar mamparas ou separacións de cando menos de 60 centímetros de altura colocadas directamente sobre o mesado, para o cal non sería preciso manter a distancia mínima.

No caso do alumnado transportado, co fin de garantir un mellor seguimento dos contactos, tamén se engade a asignación de asentos fixos para todo o curso escolar.

Xestión de gromos

De acordo co establecido na Guía de actuación ante a aparición de casos de Covid-19 en centros educativos e no Protocolo de actuación da consellería de Sanidade en materia de Saúde Pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e control da infección por SARS-Co-V-2, é a autoridade sanitaria a que irá definindo distintas medidas de illamento e cuarentena dependendo das características específicas e particulares de cada gromo. Así, en función do número de contaxios, poderá ordenar a corentena dun grupo determinado de contactos estreitos do centro escolar, o peche dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro educativo na súa totalidade.

R., 2020-09-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES