Noticias

A Xunta ultima unha nova Lei Orgánica de Saúde para enviar ao Goberno e levar ao Parlamento

Alberto Núñez Feijóo anunciou tras a reunión do Comité clínico de expertos sanitarios, que a Xunta está a ultimar unha nova Lei Orgánica de Saúde para levar ao Parlamento e enviar posteriormente ao Congreso. Tamén se vai remitir ao Goberno como “aportación leal dunha Comunidade autónoma ocupada e preocupada pola pandemia”. Tras lamentar que despois de cinco meses volvamos á “casiña de saída” ao non contar con ningunha proposta alternativa máis que seguir prorrogando o Estado de Alarma de forma indefinida, Feijóo reiterou que “o Estado de Alarma non ofrece respostas específicas para unha pandemia, a resposta específica para unha pandemia é unha lexislación sanitaria”.

Polo tanto, “temos que apurar mecanismos legais existentes e perfeccionalos porque a pandemia sanitaria se ten que abordar desde o punto de vista xurídico cunha lexislación de pandemia sanitaria e non cunha lexislación constitucional excepcional”, engadiu.

A campaña da gripe

Nesa liña de preparar as medidas para os vindeiros meses, o Comité clínico decidiu redobrar o esforzo de cara á nova campaña da gripe.

A campaña comezará o vindeiro 12 de outubro e se estenderá ata final de ano, cunha duración de 12 semanas; haberá 900 puntos de vacinación entre os que se atopan centros de Atención Primaria, residencias ou centros de menores e discapacitados; e contará con 865.832 doses de vacina antigripal, unhas 200.000 doses máis que na campaña do ano pasado.

O presidente da Xunta avanzou que o obxectivo é cubrir ao 75% da poboación maior de 65 anos, ademais doutros colectivos de risco.

Protocolo educación

No eido da educación, e tras lamentar que na última semana de agosto aínda non haxa data para a celebración da Conferencia de presidentes monográfica despois de meses reclamándoa “por activa e por pasiva”, o presidente da Xunta agarda que na reunión sectorial de mañá haxa unha “proposta seria e rigorosa” porque “necesitamos criterios claros e homoxéneos” para a volta ás aulas.

Nesa liña, Feijóo avanzou que o “protocolo exhaustivo” galego de volta ás aulas seguirá actualizándose “ata principios da segunda semana de setembro”.

Ese protocolo inclúe información sobre que facer cada día antes de ir ao colexio ou instituto; medidas de protección, na que destaca o uso da máscara; escenarios para unha eventual situación de brotes, e un escenario de ensinanza virtual para cando estes brotes se produzan.

Feijóo resaltou que o Comité clínico apuntou hoxe que “haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro das aulas”.

Cuestións xurídicas

O Comité clínico tamén abordou outras dúas cuestións relacionadas coa parte máis xurídica da xestión da pandemia.

En primeiro lugar, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha modificación da orde de medidas para facer fronte á covid que busca facilitar a labor dos Corpos e Forzas de Seguridade no control dos espectáculos públicos e actividades recreativas. Trátase de facilitar as labores de inspección e que, ante un incumprimento manifesto, os axentes poidan tomar medidas inmediatas de xeito directo. Tamén poderán mesmo suspender o espectáculo ou actividade ou desaloxar o establecemento.

O obxectivo, explicou Feijóo, é “poder actuar con inmediatez contra aqueles que incumpren as normas e as restricións, o cal vai en beneficio de todos, a maioría, que as cumpren”.

En segundo lugar, o Comité clínico abordou a definición dun protocolo sobre corentenas e illamentos. O presidente da Xunta insistiu en que o illamento é “fundamental para controlar a expansión do virus” e, aínda que en termos xerais a cidadanía está respondendo de xeito voluntario e con responsabilidade, hai que ter claros cales os criterios que se deben seguir e que facer no caso de que non se cumpran.

Deste xeito, este protocolo inclúe medidas de prevención e control relacionadas co illamento das persoas con síntomas, diagnosticadas coa Covid ou identificadas como contactos estreitos; medidas de illamento ou corentena forzosas, no caso de que non exista colaboración voluntaria, coas debidas garantías de proporcionalidade, limitación temporal e intervención xudicial; e instrucións para sancionar en caso de incumprimento das medidas.

R., 2020-08-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
Foto de la tercera plana (escenasdocambio-2026.png) Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.

Notas

A National Aeronautics and Space Administration, NASA, confirmaba o pasado martes de xeito oficial que o 1 de abril será a primeira data na que se intentará lanzar desde o Centro Espacial Kennedy de Florida Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972. 'Podo confirmar que todo está en orde e non hai ningún impedimento para o lanzamento de Artemis, se as condicións meteorolóxicas o permiten', afirmou a viceadministradora e responsable de exploración espacial da axencia espacial estadounidense, Lori Glanze.
A iniciativa, que este ano desenvolve a súa terceira edición, está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES