Noticias

Preto de 30 pemes galegas xa solicitaron axudas á convocatoria para a fabricación de produtos de prevención e loita contra a covid-19 nos eidos laboral e sanitario

Un total de 28 pemes galegas solicitaron as axudas do programa para a fabricación de produtos de prevención e loita contra a covid-19. Esta liña de apoios que puxo en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape está dotada con 5 millóns de euros e ten como obxectivo contribuír ao incremento da prevención tanto a nivel sanitario como en materia de seguridade e saúde laboral. Con achegas que poden acadar ata 800.000 euros por iniciativa, os proxectos deben ter un custo igual ou superior a 100.000 euros.

Os que foron presentados ata o de agora poderían acadar unha mobilización de 13,2 millóns de euros. As axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, cobren o 75% dos investimentos que realicen as pequenas e medianas empresas para a fabricación dos seguintes materiais: medicamentos -incluídas as vacinas- e tratamentos contra a covid-19, produtos intermedios, ingredientes farmacéuticos activos e materias primas necesarias para a súa elaboración; produtos sanitarios, equipos hospitalarios e médicos -incluídos respiradores, roupa e equipos de protección e ferramentas de diagnóstico-, e as materias primas necesarias; desinfectantes; e ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos.

De feito, xa se concedeu a primeira das axudas a esta liña: 800.000 euros a Grafoplás del Noroeste (Culleredo, A Coruña), que ten previsto mobilizar ata 1,25 millóns de euros e crear entre oito e 20 postos de traballo co obxectivo de fabricar ao día 283.000 máscaras cirúrxicas e FPP2. Ademais deste apoio, hai que sumar os xa concedidos polo Comité de fabricación a 47 iniciativas que mobilizan 5 millóns de euros, dos que a Xunta achega 2,5 millóns. En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón de 7 millóns de euros para axudar ás pemes na fabricación de medios de protección fronte á covid-19 e na súa reorganización produtiva.

Liña de microcréditos

Por outra banda, autónomos e microempresas galegas (menos de dez traballadores e menos de 10 millóns de euros de balance ou de cifra de negocios) tamén poden solicitar ata o vindeiro 30 de outubro a liña de microcréditos que a Xunta aprobou para inxectar liquidez ás empresas e negocios máis pequenos. As contías oscilan entre os 3000 e os 20.000 euros para cada negocio con xuros bonificados ao 100 por cento pola Xunta, cun prazo de duración máxima de cinco anos e un ano de carencia como tope.

A iniciativa, dotada con 6,1 millóns de euros de orzamento e coa previsión de mobilizar ata 50M€, desenvólvese en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs). Ata o momento, lévanse presentado 31 solicitudes no Igape.

Plan de reactivación económica

Estas medidas forman parte do Plan de reactivación económica de Galicia, que ten como obxectivos fundamentais recuperar a economía da Comunidade, facilitar a transformación do tecido empresarial galego –pensando sobre todo nos autónomos, microempresas e pemes–, xerar emprego nos sectores máis golpeados pola covid-19 e fortalecer os servizos públicos que reciben os cidadáns.

R., 2020-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES