
En concreto, este proxecto de ámbito nacional ten como obxectivo integrar e mellorar o coñecemento científico e técnico de aspectos relacionados coa xestión dos pastos na montaña cantábrica e galega. Así, non só se persegue previr os lumes forestais e contribuír á produción animal, senón tamén traballar na mellora do solo, incrementar a biodiversidade e impulsar a gandaría en extensivo.
A idea é implicar tanto aos propietarios das terras como aos xestores e gandeiros, aos que se lles ofrecerán ferramentas para que escollan a opción de pastoreo máis axeitada en cada caso, tendo en conta as condicións do terreo ou os obxectivos de produción, así como factores ambientais.
A maiores, o CIAM participa xunto co Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias e o Centro de Investigación e Formacións Agrarias (CIFA) de Cantabria nun proxecto liderado por unha empresa de base tecnolóxica na Universidade de Alcalá que busca mellorar o manexo do gando en extensivo e a xestión dos pasteiros mediante unha ferramenta de seguimento. Así, por unha banda, pódese comprobar o estado dos pastos, e por outra, detectar por onde pastan os animais.
Deste xeito, perséguese poñer a disposición do sector unha ferramenta operativa que cumpra coas necesidades dos técnicos, gandeiros e xestores para posibilitar unha adecuada toma de decisións na organización dos montes e no manexo do gando. Todo para lograr unha xestión axeitada dos pastos diminuíndo os custos de produción e deixando patente o beneficio medioambiental que pode proporcionar a gandaría en extensivo.
Plan de Pastoreo de Galicia
En paralelo a este proxecto, a Consellería do Medio Rural comezou a traballar xa nos primeiros pasteiros concibidos ao abeiro do Plan de Pastoreo de Galicia, que contempla un investimento superior aos 9,5 millóns de euros para recuperar unhas 2.250 hectáreas en toda a comunidade.
O obxectivo deste plan é dotar ás explotacións de máis base territorial para contribuír a facer rendible a actividade agrogandeira, co conseguinte apoio ao relevo xeracional no agro e ao mantemento da poboación no rural. A maiores, foméntase o equilibrio e a sustentabilidade ambiental, non só polo coidado dos pastos senón tamén porque a meirande parte das gandarías que fan uso do pastoreo nos montes veciñais son gando de produción de carne de maneira sostible e con razas autóctonas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.