Noticias

O operativo da Xunta contra os incendios forestais refórzase e adáptase á actual emerxencia sanitaria

Está en marcha en Galicia o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020), que ten como obxectivo a máxima redución posible dos incendios nos montes galegos, tendo moi en conta a optimización dos recursos existentes. Mantéñense, en liñas xerais, os esforzos en medios e persoas despregados no pasado exercicio, incorporando a adaptación á actual situación sanitaria a causa da covid-19 e prestando especial atención á prevención cun completo plan de actuación neste eido. O dispositivo humano é semellante ao de anos anteriores, este ano terá maior presenza temporal dos efectivos, xa que o persoal fixo descontinuo estará despregado sobre o territorio durante seis meses, un máis que na anterior campaña.

Compoñen o operativo máis de 7.000 persoas entre os profesionais propios da Xunta como os correspondentes a outras administracións, auxiliados por 360 motobombas entre outros medios terrestres, e refórzase a capacidade de transporte de auga, sendo especial novidade a incorporación de 12 drons tanto para vixilancia e disuasión como para apoiar a extinción de incendios.

Dada a actual situación de emerxencia sanitaria, o Plan contempla os protocolos necesarios para que o persoal desenvolva o seu traballo nas condicións óptimas de seguridade e hixiene, tendo establecido a Xunta as correspondentes instrucións e protocolos para os profesionais do Servizo, debendo destacar o esforzo realizado por bombeiros e axentes ambientais do Servizo durante a emerxencia sanitaria, que levou a cabo máis de 7.000 desinfeccións exteriores de centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outras diversas instalacións de 200 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus.

Especial incidencia na prevención

A prevención ocupa un lugar destacado no Pladiga 2020, cun plan monográfico que supón un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes.
Así, prevé traballar en case 8.400 hectáreas con labores silvícolas, así como mellorar uns 3.100 quilómetros de pistas forestais e adecuar á normativa de distancias uns 100 km de estradas e vías de ferrocarril.

Desta forma, leváronse a cabo labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, coa mellora e mantemento de pistas no monte ou coa eliminación de residuos forestais, e labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo. As actuacións recollidas neste plan realizáronse en montes e terreos forestais e nas faixas secundarias de xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas, de acordo coas obrigas establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

No que atinxe ás subvencións para a prevención dos danos causados por lumes, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), este plan preventivo estima que mediante esta vía se vai traballar no control selectivo de combustible en case 9.700 hectáreas.

Por outra parte, no que se refire aos convenios con municipios para a súa participación e defensa contra incendios forestais, actualmente están subscritos acordos cun total de 263 concellos e 5 mancomunidades. Estes convenios céntranse en tres vías de colaboración: a participación mediante a actuación de vehículos motobomba, a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado e a contratación durante tres meses de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa, así como para a realización de traballos de prevención mediante o control do combustible de xeito manual.

De acordo con estes parámetros, dentro deste plan activáronse 251 brigadas municipais, cunha superficie de actuación total de preto de 19.500 hectáreas, sumando os traballos manuais e os mecanizados. A elas cómpre engadir as case 600 hectáreas de actuación preventiva dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).

A maiores, no plan inclúense os traballos propios das actuacións preventivas no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga. Neste sentido, tendo en conta que os concellos adheridos a este acordo son 259 (outros 4 teñen solicitado sumarse), potencialmente poderían levarse a cabo execucións subsidiarias en case 2.600 hectáreas e actuacións de xestión de biomasa en vías de titularidade municipal ata nun total de 2.590 km en toda Galicia. Así mesmo, nas parroquias priorizadas dentro deste convenio está previsto actuar noutras 5.300 hectáreas ao longo deste ano.

Anticipándose aos lumes e creando aldeas modelo

De xeito complementario a esta planificación, contémplanse outras iniciativas que inciden, así mesmo, na anticipación aos lumes, como son a dotación de material e vehículos, o plan de pastos, a silvicultura preventiva, as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais e que no seu conxunto supoñen un investimento de máis de 33 millóns de euros.
No que atinxe á dotación material, a Xunta segue coa adquisición e mantemento de motobombas, a construción e arranxos nas emisoras e bases aéreas, o aluguer de vehículos para brigadas e axentes e diferentes equipamentos e ferramentas.

De xeito paralelo, o Executivo galego puxo en marcha o Plan de pastoreo de Galicia, para fomentar a ordenación e posta en valor dos pastos da comunidade para un mellor aproveitamento dos recursos naturais, ao tempo que se traballa na anticipación aos incendios forestais. A iniciativa contempla a recuperación de ata 2.250 hectáreas, co fin de dotar ás explotacións de máis base territorial e contribuír a facer rendible a actividade agrogandeira, co conseguinte apoio á remuda xeracional no agro e ao mantemento da poboación no rural.
A maiores, contribuirase ao equilibrio e á sustentabilidade ambiental, non só polo coidado dos pastos senón tamén porque a meirande parte das ganderías que fan uso do pastoreo nos montes veciñais son gando de produción de carne de maneira sostible e con razas autóctonas.

Con respecto ás iniciativas de mobilización de terras, salientan as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, con actuacións en zonas en abandono ou infrautilización de alta ou especial capacidade produtiva para un ou varios cultivos ou aproveitamentos. No caso das aldeas modelo, execútase a limpeza das franxas arredor das vivendas, eliminando maleza, pino, eucalipto e acacia e establécese nesa franxa actividade agrogandeira, co obxecto de que constitúa unha devasa natural fronte o lume. A previsión é de aprobar unhas 25 aldeas modelo en toda Galicia ao longo deste ano.

Por último, no que atinxe á silvicultura preventiva, neste 2020 incidirase na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais e, por outra banda, incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.

Loita tecnolóxica contra os lumes

Dentro do Pladiga 2020 actualízase tamén a información relativa ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Neste caso, o número delas redúcese este ano en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes no 2019 a 28 este ano. Esta cifra axústase cada ano en función de criterios técnicos, relacionados ou ben co número de lumes rexistrados nestas parroquias ou ben coa súa virulencia.

En canto ás melloras tecnolóxicas, o Pladiga 2020 potencia as aplicacións informáticas coas que conta o persoal do servizo para a loita contra o lume. Así, intégranse novas funcionalidades, como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios ou a implementación de shapes (formas, siluetas) provisionais de evolución do lume.

Ademais, tamén se contará con información en tempo real, para a xestión dun incendio sobre o territorio, nas propias tablets das que dispoñen actualmente os axentes e técnicos. Inclúense datos cartográficos actualizados como puntos de auga, límites administrativos ou espazos protexidos, así como busca de topónimos e puntos quilométricos, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume e fotografía xeorreferenciada ou capacidades de edición para indicar puntos de encontro, devasas ou perímetros provisionais do lume.

R., 2020-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado que xa leva participado en varias edicións consecutivas do festival.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI) que ten lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.
O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES