Noticias

Galicia rexistra un total de 262 casos activos por coronavirus. O brote da Mariña conta con 184 casos, un menos ca onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 262 deles 24 son da área da Coruña, 200 da de Lugo, 4 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 11 da área de Vigo, 16 da de Santiago, e 1 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 255 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.943 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos. O número de PCR realizadas é de 218.587.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

A Mariña Lucense

Nas últimas horas reduciuse lixeiramente o número de casos activos relacionados co brote de Covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmase outro caso positivo relacionado co brote. Sen embargo, nas últimas horas, outras dúas persoas foron dadas de alta tras superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 184, un menos ca onte. Nestes momentos son máis de trinta as persoas afectadas por Covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta tras superar a enfermidade.

Das PCR realizadas no día de onte a persoas relacionadas con este brote, unha arroxou resultado positivo. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa (arredor do 2%) respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.

Así mesmo, destacar que o novo positivo detectado está relacionado co brote, o que permite seguir a garantir a trazabilidade dos casos e continuar na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión e conter o brote.

O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas.

Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.

Dos 184 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

O departamento sanitario da Xunta actuou e segue a actuar con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos que van xurdindo, o que está a permitir controlar o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas que sexan necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial que ten o Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, dicir que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotalo canto antes, aínda que nestes momentos está controlado.

Destacar tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público da Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostraron nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.

Dende o Sergas queremos lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, gardar a distancia física de seguridade, hixiene de mans…

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.

R., 2020-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES