Noticias

'Atardecer no Gaiás' bota a andar coas íntimas e vitalistas composicións de Fon Román, o ex guitarrista de Los Piratas

Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– bota a andar mañá ás 21,00 horas coas composicións íntimas e vitalistas de Fon Román, ex guitarrista do coñecido grupo Los Piratas, e para o que xa están todas as entradas-convites esgotadas. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia, e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección. Os concertos celebraranse ás 21,00 horas os xoves, do 9 de xullo ao 3 de setembro, e neles está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.

Tanto o concerto de Fon Román como os dos vindeiros do 16 e 23 de xullo de Verto e Xoana, respectivamente, esgotaron as entradas o mesmo día en que se abriu a inscrición. A reserva de praza para o resto de actuacións dos xoves de agosto e setembro www.cidadedacultura.gal –Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío– abrirase a finais de xullo.

Apertura con Fon Román

Fon Román, ex guitarrista e compositor de Los Piratas, será o encargado de inaugurar mañá a décima edición de Atardecer no Gaiás. O músico vigués volve á escena tras unha pausa de oito anos para presentar o seu fermoso e persoal álbum en solitario La chispa, la llama y el humo, unha homenaxe á vida nas súas diferentes fases a través dun traballo minimalista no que sobresaen as súas coidadas guitarras.

O dúo compostelán Verto daralle o relevo o 16 de xullo. A pesar de levar pouco tempo en escena, conseguiron que o trap retranqueiro do seu tema Oie gayego se coase entre os temas máis reproducidos en Galicia na plataforma de música en liña Spotify.

Ritmos urbanos e de baile cun abano de letras que van desde a crítica e o humor acedo do seu hit; ao repertorio íntimo de temas, como Algo que non sexa; ou máis ao carón da actualidade recente, como o confinamento pola pandemia e que se reflicte no tema Pegadiño a ti.

A voz poderosa coma unha diva soul de Xoana será a que encherá a Praza Central o xoves 23 de xullo. A cantante do Porriño trae a Atardecer no Gaiás a súas letras reivindicativas –escritas pola súa nai– ás que viste nunha variedade de xéneros que van desde o rock, ao funk e ao jazz, cos que pode amosar a forza sublime e a calidade do seu rexistro.

Esta valía levou a que con só 20 anos o seu primeiro traballo Dardos se atopase nas semifinais en sete categorías nos Premios de la Música Independiente (MIN), chegando á final do Mellor Disco en Galego.

Programación agosto

Guadi Galego abrigará a programación de agosto de Atardecer no Gaiás. Trátase dunha das artistas máis relevantes e premiadas da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira e continuou con Espido e Nordestin@s. A súa carreira en solitario tamén está ateigada de éxitos, avalados polo cariño do público e tamén do gremio, como demostran o Premio Martín Códax en Canción de Autor ou o recente Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español, concedido polo seu último traballo Immersión. No Gaiás vaise poder gozar das reinterpretacións dos temas das súa carreira nas sete linguas peninsulares.

Seguiralle o xoves día 13 a actuación de Quintento Nós, agrupación liderada por Marcos Teira, virtuoso guitarrista galego namorado do flamenco, estilo co que tingue todos os paus e co que ten actuado por case todos os recunchos do planeta. Premio Martín Códax ao mellor proxecto co traballo Músicas del Mundo, no Gaiás ofrecerá un selecto repertorio de adaptacións a este xénero de temas de jazz e de rock.

Trátase dun traballo colectivo no que participan Moisés Fernández, ao caixón; Alfonso Calvo, ao contrabaixo; Ton Risco, ao vibráfono; e Isaías Salazar, no baile.

Atardecer no Gaiás 2020 tamén mantén como sinal de identidade o de ser plataforma de artistas emerxentes, tal como é o caso de dani, intérprete e compositora nada en Vigo fai 22 anos no seo dunha familia musical: os seus pais son Rosa Costas e Silvino Díaz, dous dos membros do mítico grupo Aerolíneas Federales.

No seu repertorio, recolle o legado de toda a tradición da música popular que recibiu desde pequena de Robert Johnson a Rufus Wainwright, de Beach Boys a Oasis ou de New Order a Charli XCX e Joe Crepúsculo, enriquecido cos seus estudos no Conservatorio Profesional.

Budiño e Son Trío para o peche do ciclo

Budiño será o encargado de ir despedindo Atardecer no Gaiás 2020. O músico de Cangas presentará na Praza Central da Cidade da Cultura o seu último traballo, Fulgor. Nel racha con seis anos de silencio dándolle protagonismo a súa voz e cun disco indie, tras dúas décadas centrado na gaita, na frauta e na música tradicional. O público do Gaiás será testemuña da súa reinvención, tal e como el mesmo a define, a través de dez cancións orixinais, compostas, producidas e cantadas por el mesmo.

A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello resoarán na Praza Central do Gaiás como alfinete a esta edición de 2020. Estas tres músicas únense en Son Trío para ofrecer un repertorio de melodías de clásica, jazz ou folk, integramente en galego, no que ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, ofrecen versións propias de cancións populares galegas.

R., 2020-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES