
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe de xeito telemático na constitución da Mesa da Automoción, na que demandou ao Goberno que concrete e axilice as medidas para facilitar a compra de vehículos eficientes de motor diésel e de gasolina.
Conde lembrou que a Mesa da Automoción é unha iniciativa das nove comunidades autónomas que contan cun fabricante no seu territorio, e pediu unha estratexia común xunto co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para identificar cales son os proxectos de futuro que poden permitir dotar de competitividade o sector.
O conselleiro apuntou que por parte de Galicia hai un compromiso para impulsar proxectos vinculados á dixitalización e á mobilidade sustentable, non só a través do vehículo conectado e o eléctrico, senón tamén a través do coche impulsado por hidróxeno verde. Conde salientou que este é un dos proxectos tractores promovidos en Galicia de cara a futuro, co obxectivo de favorecer a mobilidade sustentable.
O que precisamos é que o Goberno concrete as diferentes medidas dentro do plan da automoción subliñou o conselleiro, quen fixo fincapé en que se trata dun plan que se desenvolveu á marxe das comunidades autónomas, e que esperamos que o Goberno volva á senda do consenso para concretar cales son as medidas a curto prazo para favorecer os investimentos, o I+D+i do sector da automoción, e tamén para favorecer ese plan de renovación de vehículos impulsados por combustión. Neste ámbito, explicou que as axudas deben permitir non só esa renovación do parque senón tamén favorecer a demanda.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.