Noticias

Galicia demanda que a negociación do acordo pesqueiro ante o brexit sexa levada ao máis alto nivel tanto polo Estado como pola Comisión Europea

Galicia demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que medie ante o Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación para que realice as xestións necesarias ante as institucións comunitarias co obxectivo de que a consecución dun acordo pesqueiro que defenda os intereses da frota española sexa un asunto prioritario na negociación das autoridades europeas co Reino Unido. Neste sentido, a conselleira do Mar, Rosa Quintana salientou a importancia de que os responsables do Executivo comunitario, como a nova directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, sexan conscientes da transcendencia económica e social que o sector pesqueiro ten en rexións como Galicia.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con representantes do sector pesqueiro da Coruña na que abordou a situación de incerteza actual polo brexit e na que constatou a demanda da frota galega de que a negociación do futuro acordo pesqueiro entre a Unión Europea e o Reino Unido sexa levada ao máximo nivel tanto polo Goberno do Estado como polo Executivo comunitario dada a transcendencia que o sector ten para a economía galega e española. A representante da Xunta analizou durante o encontro, no que participaron responsables das asociacións de armadores Pescagalicia-Arperga-O Barco e Arpesco, así como da Lonxa da Coruña, os bandazos e a falla de avances nunhas negociacións que van xa pola cuarta rolda -celebráronse tres entre marzo e maio e a cuarta comezou este mes- e nas que Galicia defende o mantemento do statu quo, a igualdade de condicións entre as partes -ou level playing field- e que o acordo estea condicionado ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado.

Por iso, Galicia demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que medie ante o Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación para que realice as xestións necesarias ante as institucións comunitarias co obxectivo de que a consecución dun acordo pesqueiro que defenda os intereses da frota española sexa un asunto prioritario na negociación das autoridades europeas co Reino Unido.

Neste sentido, Rosa Quintana salientou a importancia de que os responsables do Executivo comunitario, como a nova directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, sexan conscientes da transcendencia económica e social que o sector pesqueiro ten en rexións como Galicia para que os seus intereses sexan defendidos en todos os eidos, e que a implicación deste departamento nas negociacións sexa realizada ao máis alto nivel posible.

A titular de Mar e os representantes do sector analizaron ademais o último informe encargado pola Xunta e elaborado polo Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga por encargo da Xunta sobre As relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tralo brexit e que salienta a conveniencia de que a actividade extractiva tralo brexit quede ligada ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado.

Dificultades se non hai acordo

Este documento, o terceiro deste tipo que realiza o instituto dependente da Universidade da Coruña para a Administración galega, advirte de que a ausencia de acordo dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas partes e derivaría en trabas administrativas, arancelarias e sanitarias. Por iso, aposta por manter unhas relacións pesqueiras semellantes ás actuais pero enmarcadas no dereito internacional e por poñer en relación os acordos xa existentes e os compromisos adquiridos no marco da Comisión de Pesqueiras do Atlántico Noreste (Neafc).

A chave do acordo, salienta o informe da entidade dirixida polo profesor José Manuel Sobrino, é que reflicta o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e o acceso ao mercado, posto que, subliña, o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e do acceso dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da Unión Europea.

A consecución dun acordo pesqueiro entre a UE e Reino Unido ten especial importancia para os portos de Galicia posto que a comunidade conta con intereses e capital en preto de medio cento de buques de bandeira británica e de Malvinas, dos cales máis de 30 faenan en augas europeas e son susceptibles de efectuar desembarques de peixe fresco ou conxelado en peiraos galegos.

Esta xuntanza con representantes do sector pesqueiro da Coruña súmase ás mantidas a semana pasada con responsables das organizacións pesqueiras de Burela e Celeiro, nas que a Xunta e a frota abordaron as repercusións que tería para o complexo mar-industria a non consecución dun acordo co Reino Unido así como as medidas a adoptar para defender os intereses galegos durante as negociacións.

R., 2020-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES