Noticias

Galicia pide ao Goberno central que elimine a taxa de reposición na OPE de Sanidade para este 2020 e que baixe o IVE do turismo

Alberto Núñez Feijóo pediu ao Goberno central que elimine a taxa de reposición nas OPE de Sanidade e de Servizos Sociais para este 2020, e se non fose suficiente nas OPE de 2021. “Sería facer xustiza coas persoas e cos colectivos que máis traballaron durante a pandemia, contratados cunha temporalidade que nós non queremos”. Pediu tamén a baixada do IVE para o sector turístico, cunha redución do 10 ao 4% para servizos como a hostalaría, os balnearios ou a restauración, “este ano e o seguinte, é dicir, ata o 31 de decembro de 2021”. Durante a 13ª videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou tamén que nin Galicia, nin España se poden permitir perder ningún posto de traballo nas industrias que son viables economicamente, referíndose a Alcoa e ás decenas de empresas instaladas no litoral, como as conserveiras, os frigoríficos ou Ence.

Así mesmo, trasladou a importancia de elaborar un plan de reactivación para o sector da automoción e garantiu que, pola súa banda, Galicia seguirá traballando a través da Mesa da automoción, da que forman parte sete comunidades autónomas.

Por outra banda, e no tocante ás políticas fiscais, trasladou unha serie de medidas propostas polo comité de expertos económicos, entre as que destacou: recuperar a liberdade de amortización para investimentos; exención por reinvestimento de beneficios extraordinarios; supresión da limitación á compensación de bases impoñibles negativas; e a redución da tributación indirecta que grava presentacións en servizos como a hostalaría.

Unha vez recuperada a partir deste luns a mobilidade entre as catro provincias galegas, o titular da Xunta expuxo a necesidade de abrir máis pasos fronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, e entre Galicia e Asturias, que tamén entra na fase 3.

Así, ademais dos pasos xa abertos con carácter ordinario -Tui e Valença, Chaves e Verín- e do paso de Calvos de Randín, que está abrindo de maneira puntual, Feijóo solicitou a apertura para mercadorías e para persoas, “como mínimo”, dos pasos de: Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monção, Arbo-Melgaço e a ponte internacional Ponte Barxas-São Gregorio. E, no caso de Asturias, avanzou unha reunión esta tarde co presidente da comunidade veciña, para avaliar a situación da ponte de Ribadeo e poder concretar, nos vindeiros días, a circulación nela.

“E tamén pedimos que esta semana se reabra ao tráfico internacional, como mínimo, un aeroporto da comunidade”, engadiu no eido da mobilidade.

Que Galicia poida executar de forma autónoma o que lle corresponda dos 16.000 M€

Nesta nova fase, o responsable da Xunta pediu ao Executivo central que faga as aclaracións sobre as competencias exactas dos presidentes autonómicos. “Entramos no estado de alarma con certa improvisación e confusión e é bo saír con certezas e con seguridade”, afirmou, expresando o desexo de que o Goberno central aclare estas cuestións para “comezar a andar o camiño para completar a reapertura de Galicia en todos os ámbitos”.

Sobre esta liña, e do mesmo xeito que a Comunidade galega xa ten aprobado un plan de rebrote, o responsable do Executivo galego avogou de novo por traballar nun plan de rebrote nacional que concrete as medidas en toda España, cun criterio homoxéneo e coordinado.

Por último, Feijóo fixo fincapé, entre outros aspectos, na “imperiosa necesidade” de contar cun protocolo único para reabrir o curso escolar en setembro; e que cada comunidade poda executar de forma autónoma e na medida das súas prioridades o que lle corresponda do reparto dos 16.000 millóns de euros, nos eidos sanitario, educativo e de servizos sociais.

R., 2020-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES