Noticias

O PIB galego baixou no 1º trimestre un 3,6% en taxa interanual por mor da covid-19, medio punto menos que a media española

O PIB de Galicia baixou no primeiro trimestre do ano un 3,6% en taxa interanual por mor do efecto negativo da covid-19 sobre a maioría dos compoñentes da oferta e da demanda, segundo reflicten as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este descenso é medio punto inferior ao rexistrado no conxunto de España (-4,1%), tal como xa avanzou o mes pasado o Instituto Nacional de Estadística (INE). En canto á taxa trimestral –é dicir, a evolución da economía en comparación co cuarto trimestre do ano 2019-, o IGE estima que o PIB galego rexistrou un descenso do 4,9%.

Esta baixada é tamén inferior á rexistrada pola economía española no mesmo período, que segundo a estimación realizada polo INE foi do 5,2%, tres décimas máis. Desde o punto de vista da demanda, no primeiro trimestre do ano o gasto en consumo final diminuíu un 4,4% en comparación co mesmo trimestre de 2019, mentres que a formación bruta de capital retrocedeu un 7,1%, o que provocou que a achega da demanda interna –en termos nacionais- sexa do -5,1 puntos.

En canto á demanda externa, os datos do IGE indican que as exportacións de bens e servizos diminuíron un 2,7% e as importacións de bens e servizos caeron tamén un 5,1%. A contribución do sector exterior ao crecemento do PIB galego é de 1,5 puntos.
Sectores

No que respecta á oferta, a industria foi o único sector que rexistrou crecemento, cun crecemento do 0,7% sobre o primeiro trimestre de 2019. Pola contra, o sector da construción retrocedeu un 8,9% e o sector servizos baixou un 3,7%, cunha maior afectación nas actividades máis afectadas polo cese de actividade na segunda quincena de marzo, especialmente o comercio, transporte e hostalería (-9,8%) e as actividades artísticas e recreativas (-9,5%). En canto ao sector primario (agricultura, silvicultura, gandería e pesca) descendeu un 1,1%.

Finalmente, as Contas económicas trimestrais do IGE mostran que o emprego -medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- diminuíu un 1,3% no primeiro trimestre. As ramas de actividade nas que máis se reduciu o emprego foron as actividades artísticas, recreativas e outros servizos (-5,0%), e a construción (-4,3%).

R., 2020-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES