Noticias

Feijóo traslada ao Goberno de España a necesidade dun peche ordenado das actividades económicas

Logo de que o Goberno de España comunicase a decisión de adoptar medidas máis restritivas para a economía ante a pandemia do coronavirus, Alberto Núñez Feijóo trasladou a Pedro Sánchez a necesidade dun peche ordenado das actividades económicas. “Trasladeille ao Goberno central que non sería bo un peche abrupto de sectores económicos. Preocúpanos que dar ao botón de pausa poida ser dar o botón de apagado de moitas ou dalgunhas empresas e, en definitiva, de moitos ou dalgúns postos de traballo”, dixo, facendo fincapé na inquedanza que supón descoñecer o alcance e contido das industrias que van diminuír ou suspender a súa actividade.

Así mesmo, durante a videoconferencia co presidente do Goberno central e cos outros presidentes autonómicos, e no marco europeo, Feijóo expresou o desexo de que as propostas españolas frutifiquen no Eurogrupo, de xeito que os sacrificios que se están a pedir ao conxunto dos cidadáns e das nacións sexa proporcionado á axuda e á solidariedade das medidas que adopte a Unión Europea. “A tal efecto, o Goberno central ten o noso apoio”, matizou, subliñando que Galicia cre nunha Unión Europea solidaria entre nacións do mesmo xeito que cre na España solidaria das comunidades.

Chegada de subministro sanitario da Xunta de Galicia

Ao longo do encontro, o titular do Executivo galego reiterou a necesidade de material sanitario, solicitando ao Goberno de España un calendario de entregas de subministración, para que cada comunidade poida organizarse. “Alegrámonos de que o presidente informase onte do material que España ten apalabrado ou contratado, pero é importante saber cando vai chegar ese material”, insistiu, lembrando que a Xunta leva subministrado a 251 concellos de Galicia: 22.000 mascarillas, 10.000 traxes e 300.000 guantes; “deste xeito, e co material que se entregará mañá, chegaremos ás 122.000 mascarillas, aos 25.000 traxes a aos 350.000 guantes”, confirmou, para o desenvolvemento de servizos como o de Axuda ao Fogar ou de Protección Civil.

“Seguiremos comprando material, porque non podemos esperar a ter un material centralizado polo Ministerio”, asegurou, resaltando que hoxe, Galicia recibiu unha nova partida de material sanitario da Xunta que ascende a máis de 700.000 mascarillas -500.000 compradas polo Sergas, 100.000 doadas por Inditex e outras 100.000 doadas por Grupo Caamaño-, que serán distribuídas en tempo real ás áreas sanitarias e aos centros sociais.

Nesta mesma liña, o responsable do Goberno galego reiterou a importancia de seguir facendo test masivos, así como coñecer a curva epidemiolóxica; “sería moi útil para as comunidades coñecer cal é a previsión do Goberno de España, cal vai ser o pico de hospitalización e de UCI que imos ter nas comunidades”, abundou.

A modo de exemplo, Feijóo explicou que, ata o momento, Galicia recibiu do Goberno central: 220.890 mascarillas, 33.205 batas, 352.000 guantes, 13.400 pantallas e 1.776 desinfectantes. “Para facernos unha idea, o total das mascarillas chega para 4 días de consumo do Sergas, o total de batas chega para 1,7 días e o total de guantes non chega a un día de consumo”, precisou.

Neste eido, Feijóo quixo facer unha mención ao labor que está a desenvolver a multinacional galega Inditex, non só pola subministración que está doando ao Sistema Nacional de Saúde e ao Servizo Galego de Saúde, senón tamén pola súa loxística e o seu transporte. “Sen os avións de Inditex a maioría do material que entrou en España estaría aínda nos aeroportos de China”, puntualizou, transmitindo o agradecemento pola implicación “dunha empresa galega global que está dando unha mostra mundial do que é un compromiso coa solidariedade, con España e con Galicia”.

Así mesmo, referiuse a outras empresas que tamén están a doar material sanitario e asegurou que cando este chegue, o Executivo autonómico faraas públicas.

As residencias de maiores, prioridade número un para a Xunta

O presidente do Goberno galego aseverou que os maiores seguen a ser a prioridade número un para a Administración autonómica: “Seguiremos traballando, tratando de garantir máximo illamento nas residencias”, garantiu.

O titular da Xunta reiterou que Galicia seguirá traballando con determinación, aprovisionando máis material e co máximo ánimo de unidade, coordinación e entendemento. E concluíu a súa intervención cunhas palabras de ánimo e agradecemento cara aos máis novos: “Sentímonos orgullosos do que estades a facer”, dixo, facendo fincapé na importancia de permanecer nas casas durante o estado de alarma.

R., 2020-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello acordou que 'iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano'. Deste xeito, o Executivo autonómico avaliou un informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos de 2026, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo. Calvo resaltou que mentres Galicia 'comeza a traballar nas contas de 2026, o Goberno de España segue funcionando coas de 2023'.
Foto de la tercera plana (ofrenda-antigo-reino-galicia.jpg) O Consello da Xunta aprobou o decreto que declara Ben de Interese Cultural a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, o que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta declaración chega tras recibir os informes favorables dos catro órganos aos que se lle solicitou: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no proceso de exposición pública para o seu recoñecemento non rexistrou ningunha alegación.

Notas

O investigador do ILG da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.
A Universidade da Coruña foi sede hoxe da reunión constitutiva do grupo de traballo sobre a descentralización do grao en Medicina, proposto na sesión do 10 de xuño do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia. Neste primeiro encontro, marcado pola propia creación do grupo, aprobouse a normativa de réxime interno e o calendario de traballo que marcará as liñas de acción de cara aos vindeiros meses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES