Noticias

A Xunta demanda ao Goberno central garantías para que o sector agrogandeiro e forestal galego poida seguir traballando no rural durante a emerxencia sanitaria

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia co ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, e os demais conselleiros autonómicos do ramo para avaliar a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. No encontro virtual, José González demandou garantías para o sector agrogandeiro e forestal galego e para os profesionais que seguen traballando no rural, con prórrogas de contratos ou medidas de protección axeitadas. Así, relacionado co sector gandeiro, o titular de Medio Rural solicitou a suspensión de todos os mercados gandeiros no territorio nacional.

Xustificouno debido a que a venda directa está permitida sen ter que ser a través destes mercados, e así o trasladaron os tratantes e algúns gandeiros ao propio conselleiro. Neste senso, sinalou que non é xusto que aqueles que teñan que sacar as reses das explotacións se arrisquen a contaminarse nestas instalacións, cando os tratantes están facendo a separación das reses en lotes en instalacións autorizadas e o gando está saíndo con normalidade. Polo tanto, asegurou, non hai problemas na venda directa aos puntos de destino destes animais.

O titular de Medio Rural tamén trasladou na videoconferencia unha serie de medidas que considera prioritarias para o agro galego mentres continúe declarado o estado de alarma por mor do COVID 19. Así, o conselleiro puxo sobre a mesa, por exemplo, a posibilidade da venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade e para os vexetais a por maior e menor para a plantación en hortas, xa que o peche dos mercados lles está dificultando -dixo- chegar aos seus clientes. Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións.


Ademais, o titular de Medio Rural propuxo a posibilidade de permitir a circulación de traballadores profesionais e non profesionais dos sectores agrícola, gandeiro e forestal que queiran desprazarse ata as súas parcelas ou lugares de traballo para facer certas actividades, sempre que acrediten a realización de tarefas agrarias e cumprindo as recomendacións sanitarias. Neste senso, sinalou que este tipo de movementos non supoñen un risco para a saúde pública, pois son desprazamentos individuais a zonas, normalmente, próximas ás vivendas, especialmente aludiu aos viticultores das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Ao fío disto, José González indicou que hai problemas de interpretación sobre o movemento de persoas de pequenas empresas que recollen colleitas, polo que solicitou a necesidade de facer excepcións no tocante á circulación de traballadores dos sectores agrícola, gandeiro e forestal en vehículos. Nesta liña, José González indicou que se deberían relaxar as esixencias nestes colectivos, para poder garantir a actividade e o subministro.

No tocante á posibilidade de plantexar expediente de regulación temporal de emprego (ERTEs) na industria agroalimentaria e forestal, o conselleiro solicitoulle ao Goberno central unha aclaración sobre a aplicación destes expedientes reguladores. Neste sentido, sinalou que o Real Decreto recolle que se poderán levar a cabo estes expedientes por cuestións de forza maior, debido á paralización da actividade. Neste sector, manifestou o conselleiro, non existe esta parálise senón que hai unha redución da actividade e, polo tanto, moitas empresas vense obrigadas a cesar. Por isto, Galicia reclama que estas industrias poidan acollerse aos ERTEs e que se aclare a situación para a súa aplicación. Neste caso concreto, puxo como exemplo o caso das empresas forestais ou das adegas, que ven que os seus produtos non saen por mor do peche dos seus clientes habituais.

Ao tempo celebrou que a Unión Europea decidise ampliar a convocatoria da PAC ata o 15 de xuño e que o propio ministro trasladase que a ía ampliar por orde ministerial, unha petición que a Xunta fixo este luns ao Goberno central, para que solicitase ás instancias europeas a prórroga dos prazos das medidas financiadas con fondos FEADER.

Finalmente e en relación co sector lácteo, un eido estratéxico na nosa comunidade, o conselleiro do Medio Rural trasladou a importancia de que se prorroguen os contratos alimentarios que venzan durante a vixencia do estado da alarma, para non deixar nunha situación de interinidade aos gandeiros de leite.

R., 2020-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES