Noticias

O Centro de Coordinación Operativa habilita máis medios e máis persoal para ofrecer a mellor resposta a todos os niveis centrada na contención do virus

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu hoxe en rolda de prensa despois de presidir unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativa, ademais do Consello da Xunta, para detallar a habilitación de máis medidas e máis persoal para ofrecer a mellor resposta a todos os niveis centrada na contención do coronavirus. “É necesario seguir habilitando medidas para a contención do virus, intentando aprender da experiencia doutros países e rexións”, explicou, incidindo en que este obxectivo foi o que marcou a reunión do Cecop. Entre as medidas adoptadas no ámbito sanitario, destacou que o centro de coordinación está a definir hoteis aptos e accesibles para asumir hospitalización en caso de ser necesario.

“Xa temos contactado coas 6 federacións de hostaleiros de Galicia para cotexar as dispoñibilidades dos establecementos máis adecuados, tanto por accesibilidade, como por tamaño, distribución e proximidade aos diferentes centros sanitarios máis importantes”, precisou.

Nesta mesma liña, resaltou que os centros e os establecementos sanitarios privados, así como o seu persoal, póñense a disposición do operativo sanitario, dando a instrución de reprogramar nestes hospitais privados a actividade non urxente para que teñan dispoñibilidade e espazo. Ademais de poñer tamén a disposición do 061 as ambulancias, os equipos e os recursos humanos de todas as empresas de transporte sanitario en Galicia.

Por outra banda, o Cecop traballou tamén no incremento dos efectivos para colaborar nas labores de contención e de asistencia ante a emerxencia, colaborando e coordinándose coas Forzas e Corpos de Seguridade, coas Policías Locais, cos efectivos de Protección Civil e co Exército. Ao respecto, Feijóo informou da posibilidade de que os concellos poidan reforzar as súas plantillas de Policía local, a través dun procedemento específico e simplificado, con 120 auxiliares da lista de contratación existente tras a realización das convocatorias unificadas; e mesmo de poder contratar ao persoal que aprobou as convocatorias pero que se atopaba sen praza.

Como medida novidosa, destacou tamén que o persoal do servizo de extinción de incendios poderá colaborar na asistencia e na loita contra a extensión do virus, especialmente no ámbito do rural galego. “Evidentemente, a función principal e prioritaria destes profesionais seguirá a ser a loita contra o lume, pero dado o momento no que nos atopamos, poderán tamén colaborar en funcións como é a vixilancia de zonas do rural, camiños e pistas para garantir que se cumpre o confinamento; e auxiliar a persoas que viven en lugares de difícil acceso e facerlles chegar víveres ou material sanitario”, precisou.

“En definitiva, estamos a falar de máis medios e máis persoal”, dixo, resaltando que na reunión do Cecop constatouse, unha vez máis, que a necesidade máis perentoria é a de material sanitario.

“Volvemos poñer enriba da mesa a necesidade de equipos de protección individual para centros sanitarios e ambulancias, para residencias da terceira idade e centros de discapacidade con internamento, para persoal de servizos de emerxencias e de Protección Civil e para os operarios do servizo de recollida e tratamento de residuos”, dixo, entre outros moitos colectivos que están traballando, día a día e a reo, na loita contra o coronavirus e que precisan de medios para facelo coa máxima garantía e seguridade.

Neste sentido, e aproveitando a presenza do delegado do Goberno na xuntanza, Feijóo volveu recordar que o Executivo central é a única autoridade competente para distribuír este material.

Durante a rolda de prensa, o responsable do Executivo galego resaltou o espírito construtivo e a vontade de cooperación que, unha vez máis, presidiu a reunión do Cecop, liderada pola Xunta, pero na que tamén están o Goberno central e os concellos galegos.

“Quero destacar a unidade de todas as administracións, por riba de cores políticos, e a unidade de todos os galegos a prol dun obxectivo común”, afirmou, constatando que, ante as adversidades, o pobo galego é capaz de actuar sen fisuras, antepoñendo o interese xeral aos intereses particulares.

Despois de confirmar que, neste momento, na Comunidade son 334 as persoas afectadas, recordou que Galicia sigue facendo probas: “Pensamos que ese é o obxectivo e ese é o procedemento axeitado, porque cantos máis doentes estean diagnosticados, a máis doentes poderemos tratar”.

Aprobación do decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral do 5A
Por outra banda, o titular da Xunta presidiu esta mañá, tamén, a reunión do Consello para aprobar o decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral prevista para o vindeiro 5 de abril, despois dun acordo entre todos os partidos representativos da Comunidade.

“En apenas unhas horas de diálogo fomos quen de chegar a un consenso que, hoxe, quedou referendado no decreto aprobado polo Consello”, confirmou, avanzando que será publicado hoxe no DOG e remitido ao BOE.

Así mesmo, explicou que este decreto, que deixa sentadas as bases da futura convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia, foi aprobado despois de coñecer o ditame da Xunta Electoral.

Sobre este punto, trasladou que a Xunta Electoral referendou a decisión tomada cunhas conclusións “moi claras”: que a repetición íntegra do proceso é a mellor solución para garantir que se poidan dar as condicións axeitadas para unha nova celebración dos comicios. Que a decisión de que as eleccións autonómicas non se celebren corresponde ao presidente da Xunta, dados os estados de alarma e de emerxencia sanitaria. E que a Deputación permanente do Parlamento non é imprescindible para o desenvolvemento deste procedemento en concreto.

Deste xeito, en canto se levanten os estados de alarma e de emerxencia sanitaria, procederase a convocar desde cero as eleccións autonómicas, coa particularidade de que serán oídos os partidos políticos antes de que o presidente da Xunta decida a data exacta.

, 2020-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana. O dúo compostelán Boyanka Kostova pechará o festival Acento 2025 coa súa proposta retranqueira, na que o urbano e os sons máis contemporáneos conviven co tradicional.
Foto de la tercera plana (union-europea.jpg) O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.

Notas

Entre os anos 2016 e 2018, o experimento ANITA (Antarctic Impulsive Transient Antenna), unha rede de antenas montada en globo sobre a estratosfera da Antártida, detectou dous misteriosos sinais de emisión de radio que espertaron un grande interese na comunidade científica. Parecían proceder do interior da Terra, coma se a partícula que as producise tivese atravesado miles de quilómetros do subsolo sen interactuar con ningunha outra partícula.
O International Space Science Institute-ISSI acaba de prolongar dous anos máis o proxecto que desde o ano 2022 desenvolve un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel que estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES